Baleira (Lugo), 3 de xaneiro de 2025
A campaña GALICIA SABE AMAR, impulsada pola Xunta, continúa percorrendo todo o territorio galego levando o mellor sabor dos produtos do mar. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou a foodtruck desta iniciativa no concello lucense de Baleira onde animou ao conxunto da poboación a consumir peixes e mariscos como parte esencial dunha dieta equilibrada e saudable. Alí o responsable autonómico puxo en valor as propiedades nutritivas e culinarias destes alimentos e os múltiples beneficios do seu consumo na prevención de doenzas como as de carácter cardiovascular.
Este municipio súmase así a longa lista de concellos galegos participantes desta campaña que ten como obxectivo amosar a versatilidade dos produtos pesqueiros e poñer en valor o traballo que realizan os milleiros de profesionais da comunidade que traballan na extracción, produción, comercialización e transformación das distintas especies para a súa posta a disposición nos mercados. O titular de Mar reiterou a importancia de promocionar estes produtos nun contexto de paulatino descenso do consumo destacando o seu impacto na saúde pública e nun sector estratéxico para Galicia que representa preto do 5% do PIB e do que dependen ao redor de 50.000 empregos.