A Xunta presenta en Pontevedra as axudas impulsadas polo Goberno galego para o tecido autónomo e o sector comercial

Pontevedra, 12 de febreiro de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañados do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentaron esta tarde as axudas impulsadas pola Xunta para apoiar tanto ao tecido autónomo como ao sector comercial no marco dun evento organizado pola Asociación de Autónomos e Pemes de Galicia (APE), presidida por José Ramón Caldas.

Durante a súa intervención, Pablo Fernández salientou a orde unificada de axudas para autónomos que vén de lanzar este ano o Goberno galego co obxectivo de avanzar na simplificación administrativa e na redución de carga burocrática para este colectivo. O secretario xeral explicou que a convocatoria, dotada con máis de 40 millóns de euros, engloba cinco programas de axudas que abranguen desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, pasando pola conciliación, a nova oportunidade para aqueles que queira Volver intentalo e o apoio á remuda xeracional de negocios en funcionamento. Ademais tamén subilñou a implementación dun chatbot de intelixencia artificial para facilitar a resolución de dúbidas en tempo real para as persoas autónomas en relación coa tramitación destas axudas.

Pola súa banda, Gabriel Alén deu conta das axudas dispoñibles para o tecido comercial da Comunidade. Entre elas, sinalou a orde de 3,9 millóns de euros para promover a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do tecido comercial e artesanal, que se publicará este venres 14 no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que cobre actuacións como a implantación e mantemento web, márketing dixital, loxística, reformas do espazo comercial, sistemas de eficiencia enerxética ou compra de embalaxes reciclables, entre outras. Así mesmo, lembrou que o 19 de febreiro abre o prazo de solicitudes para as axudas dirixidas especificamente aos centros comerciais abertos, cun orzamento de 2,5 millóns de euros e coas que se busca primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización destas figuras clave do ecosistema comercial.

Deja un comentario