Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia premiou hoxe a creatividade amosada polos máis pequenos e pequenas da casa no tradicional concurso infantil de postais da programación de Nadal no Gaiás. A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, entregou os agasallos á Ariadna González, Uxía Montero, Sabela Nogueira, Brais Fernández, Ángel Matilla, Manuel Neira e Aroa Iglesias, cuxos traballos destacaron pola súa orixinalidade ao reinterpretar a cabra de Yule, un dos principais símbolos escandinavos destas festas e que ten protagonismo nesta programación pola exposición Unha vida viquinga que acolle o Museo Centro Gaiás.
Os nenos e nenas premiadas recibiron un lote de libros e xogos en galego e un convite familiar ao espectáculo do Circo de Nadal na Cidade da Cultura, que se desenvolveu esta mesma tarde e repetirá función mañá sábado. Toda a maxia do circo clásico concéntrase nesta función a través de coidadas coreografías e propostas acrobáticas e tamén de animais animatrónicos, figuras mecánicas de grande realismo. Esta proposta da compañía arxentina La Fiesta Escénica, asentada no municipio pontevedrés de Oia, esgotou en poucas horas as 800 entradas postas á venda para as dúas funcións na Cidade da Cultura.