Madrid, 28 de marzo de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá no Consejo de Participación LGBTI, do que, nestes momentos, Galicia e Andalucía son membros en representación das comunidades autónomas. Na reunión, na que se aprobou o plan de traballo 2025-2027 e se presentou a estratexia LGBTI, a directora xeral puxo en valor o traballo realizado Galicia e solicitou ao Goberno central fondos económicos para desenvolver a Estratexia estatal para a igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBI+ 2025-2028.
Con respecto á estratexia, trasladou o agradecemento a todas as persoas que participaron na súa elaboración e explicou que Galicia se atopa nestes momentos analizándoa para poder facer as súas achegas. Así, uniuse á solicitude de varias comunidades de poder contar con máis marxe de tempo para poder facer un traballo máis pormenorizado.
Esta mesma semana, a directora xeral participou na reunión na que o Ministerio de Igualdade presentou a estratexia estatal, un encontro no que trasladou o traballo de Galicia en materia LGBTI, como o feito de ser pioneira por ter unha lei propia que consolida o principio de igualdade para as persoas LGTBI desde 2014 ou por poñer en marcha o Observatorio galego contra a discriminación pola orientación sexual e identidade de xénero.
Ao mesmo tempo, trasladou algúns do recursos públicos de Galicia de apoio e acompañamento. Deste xeito, aproveitouse a existencia de 84 Centros de Información a Mulleres (CIM) distribuídos por todo o territorio galego para crear un sistema de ‘portelo único’ de atención ao colectivo LGBTI. Estes centros contan con asistencia xurídica e psicolóxica, con outros servizos a maiores nalgúns concellos, e desde o ano 2016 teñen entre as súas competencias atender e dar información ao colectivo LGBTI e ao asociacionismo. Nos últimos anos desenvolvéronse numerosas formacións para mellorar a capacitación deste persoal e creouse un protocolo de atención específico.
Ademais, puxo en valor os cinco centros Querote+ como un servizo específico aos que poden derivar os CIM, ou aos que as persoas usuarias poden acudir directamente que contan, ademais de con asistencia psicolóxica e xurídica especializadas, con servizos de orientación laboral, sexoloxía e saúde sexual, poden realizarse neles a proba rápida de VIH. Ademais os Centros Quérote+ realizan unha función de sensibilización ao desenvolver charlas formativas en centros de ensino.
Novo protocolo
Ademais, tamén trasladou que en maio o Observatorio aprobará un protocolo para a atención das persoas trans nos servizos de Atención Primaria, así como o traballo de estudo e análise desenvolto nos últimos anos desde o Observatorio no eido do deporte, da educación, das persoas migrantes, entre outros. Ademais, do impulso do estudo xeral sobre a situación do colectivo LGBTI en Galicia (Foro de identidades e disidencias sexuais, Consello da Cultura Galega, 2023) e o Estudo sobre a situación laboral do colectivo LGBTI en Galicia (Consello Galego de Relacións Laborais, 2023).
Do mesmo xeito, explicou a aposta do Goberno galego por darlle visibilidade ao colectivo LGBTI nos lugares de máis congregación de mocidade, como son os festivais do verán, coa área de sensibilización e punto lila e arco iris polas que pasaron máis de 15.000 persoas o ano pasado.