Carballeda de Valdeorras (Ourense), 14 de decembro de 2024
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitaron esta tarde o Mercado de Nadal de Sobradelo do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, apoiado pola Xunta.
Alí, puxeron de relevo este tipo de citas á hora de dinamizar as vendas do comercio local e tamén encher a oferta turística do rural galego. Así, máis aló dos produtos que poderán adquirir as persoas visitantes entre hoxe e mañá —incluída artesanía—, haberá actividades e agasallos co obxecto de atraer a máis clientela.
Fixeron fincapé na importancia deste tipo de eventos ás portas do Nadal, aproveitando unhas datas especialmente prósperas para o tecido comercial e tamén cada vez máis salientables desde o punto de vista turístico. Engadiron que a comarca de Valdeorras foi unha das que acolleu nas últimas semanas unha serie de formacións impulsadas pola Xunta sobre escaparatismo, co gallo de seguir mellorando as competencias dos establecementos de comercio polo miúdo e de consolidalos como opción próxima e de calidade para os consumidores e usuarios.