Boiro (A Coruña), 10 de xaneiro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, estivo hoxe no concello coruñés de Boiro, onde visitou a praza de abastos e diversos establecementos comerciais, ademais de participar na entrega de premios no marco da campaña de Nadal organizada pola Asociación Boirense de Empresarios (ABE) e apoiada pola Xunta. En total, unha trintena de persoas resultaron beneficiarias de bonos de desconto de 100 euros cada un para canxear nos 207 negocios asociados.
Aproveitando a visita —na que tamén participou o alcalde de Boiro, José Ramón Romero—, o director xeral puxo en valor iniciativas coma esta para dinamizar o consumo e as vendas locais en épocas prósperas como as festas do Nadal que veñen de rematar, destacando que nos 30 días que durou a campaña se rexistraron preto de 7.000 tíckets de compra. Animou á entidade a seguir desenvolvendo actividades deste tipo e destacou os seus 36 anos de traxectoria defendendo os intereses e futuro do tecido comercial boirense con outras accións como os bonos ABE que tamén apostan por mercar nas diferentes tendas espalladas pola localidade.