A Xunta pon en valor a traxectoria do programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero de Aemos

Mos (Pontevedra), 19 de marzo de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, enxalzou o programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero  da Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) e que funciona desde o ano 2016. Así o sinalou durante a súa visita ás instalacións da entidade.

Roberto Barba destacou que o Executivo galego destinou preto de 400.000 euros a esta iniciativa nos últimos cinco anos a través da convocatoria de axudas para entidades sen ánimo de lucro. O director xeral sinalou que este tipo de programas son imprescindibles para seguir combatendo a violencia de xénero e para garantir a recuperación de todas as vítimas.

Neste sentido, lembrou que a normativa galega nesta materia é pioneira no conxunto do Estado e garante a mesma protección para todas as mulleres que tamén foron vítimas de trata ou violencia sexual, permitíndolle acceder ás mesmas proteccións e garantías que calquera muller vítima de violencia de xénero.

Ademais, trasladou o firme compromiso da Xunta para traballar man a man coas entidades sociais e o tecido produtivo para combater a violencia de xénero e sinalou que a Administración galega seguirá reforzando as medidas e os recursos dispoñibles para previr e sensibilizar fronte á violencia contra as mulleres en todos os ámbitos sociais.

Deja un comentario