Lugo, 20 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participaron hoxe no acto de inauguración do novo establecemento comercial de Lidl na cidade. Está situado no Paseo dos Estudantes, no barrio de Sanfiz, e será o segundo punto de venda da empresa na capital lucense.
Ambos responsables autonómicos subliñaron que Lugo suma novas oportunidades de emprego e crecemento económico coa posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
Destacaron que a Xunta valora moi especialmente o compromiso das empresas cos produtos agroalimentarios galegos. “As cadeas de distribución son grandes escaparates que achegan a calidade destes produtos directamente aos consumidores”, dixeron, polo que a Consellería do Medio Rural seguirá traballando conxuntamente coas firmas que operan na Comunidade para poñer en valor non só os produtos galegos con selos de calidade diferenciada, senón tamén aqueles de proximidade ou de quilómetro cero.
O delegado territorial lembrou ademais que o Goberno autonómico traballa para impulsar o asentamento de novos negocios en Galicia así como para garantir que as empresas galegas aposten por medrar na comunidade. Entre outras medidas, referiuse á nova Oficina Económica de Galicia, que supón reducir ao máximo a burocracia para poñer en marcha un proxecto empresarial.