A Coruña, 9 de maio de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiron hoxe á celebración do Día da Amizade que cada ano organiza a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña, que tivo lugar nas instalacións de Palexco. Un evento xa tradicional que pon en valor o compromiso, a unión e o traballo das mulleres no ámbito familiar e social.
Durante a xornada entregouse o Premio á Participación Cidadá ao Banco de Alimentos.O acto tamén serviu para recoñecer o traballo das persoas asociadas, coa entrega de diplomas a aquelas que cumpren 25 anos de vinculación á entidade e a insignia de ouro da asociación. A programación deste Día da Amizade incluíu música e un sorteo de agasallos entre as persoas asistentes.