A Xunta participa en Santa Coloma de Gramenet nun emotivo acto de celebración das Letras Galegas con especial homenaxe ás cantareiras

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2025

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou este sábado no acto cultural As Nosas Letras Galegas: Cultura, Identidade e Solidariedade, organizado pola entidade Airiños da Nosa Galicia no Teatre Sagarra de Santa Coloma de Gramenet. O evento, celebrado baixo o lema “Co corazón en galego e as mans cheas de solidariedade”, reuniu a centos de persoas da colectividade galega e contou coa participación de distintos grupos musicais que interpretaron temas en galego en homenaxe á lingua e á cultura propia de Galicia.

Durante a súa intervención, Zeltia Lado destacou o labor da colectividade galega en Cataluña como “embaixadora da nosa cultura e dos nosos valores culturais” e agradeceu o traballo de Airiños da Nosa Galicia por manter viva a tradición musical e o compromiso social a través dunha iniciativa que puxo en valor a figura das cantareiras galegas, verdadeiras transmisoras da cultura popular. A directora xeral fixo tamén unha referencia especial á figura de Castelao, con motivo do 75 aniversario do seu pasamento, lembrando que “cultura e compromiso van sempre da man”.

O evento incluíu dúas exposicións abertas ao público: As Nosas Pandereteiras, con material recompilado pola profesora Cote, e Castelao, unha mostra gráfica asinada por Siro promovida pola Xunta de Galicia no marco do Ano Castelao. A Xunta reafirmou así o seu compromiso coa colectividade galega fora da comunidade, apoiando actividades que contribúan á difusión da lingua, a cultura e os valores da Galicia universal.

Deja un comentario