Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe ao acto de renovación do Comité Galego de Xustiza Deportiva, no que se nomearon os membros que inician o novo mandato tras rematar o anterior período de vixencia, establecido en catro anos.
O Comité Galego de Xustiza Deportiva enmárcase na Lei do Deporte de Galicia e está conformado por cinco membros titulares e dous suplentes, todos con licenciatura ou grao en Dereito. Trátase dun órgano independente con competencias en control de procesos electorais nas federacións deportivas galegas, supervisión de funcións públicas delegadas ás federacións, e instrución e resolución, en última instancia, de expedientes disciplinarios e sancionadores no ámbito deportivo.
No acto de constitución celebrado hoxe renovaron mandato María Dolores Rodríguez e Beatriz Seijo, e incorporáronse Ignacio López, Julián Castaño e Vicente Guzmán, todos eles expertos en dereito deportivo.
O conselleiro deulles a benvida aos novos membros e agradeceu o traballo do equipo dos últimos anos “para contribuír a un deporte mellor, máis amable e máis xusto”. Diego Calvo salientou a importancia deste órgano superior da xustiza deportiva na comunidade galega, cuxa actualización favorece renovación de ideas e perspectivas, así como a consolidación da súa importancia entre os axentes do mundo do deporte.
Apuntou tamén a importancia deste novo mandato, dado que 2026, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, será un ano electoral nas federacións deportivas de Galicia, o que implicará “un aumento significativo dos recursos, para o que este novo equipo estará perfectamente preparado”.