A Xunta mellora a cobertura no rural do concello de Lugo coa instalación dunha torre en Gondar

Lugo, 5 de febreiro de 2025

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), comezou este mércores os traballos para a instalación dunha torre na parroquia de Gondar, en Lugo, coa que se avanza na mellora da cobertura de comunicacións de móbiles no rural do municipio.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe o lugar no que se está a colocar a nova instalación, que dará cobertura aos núcleos de Gondar, Alta, Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño e Torible. Trátase dun terreo cedido polo Concello de Lugo no marco do convenio asinado entre Amtega e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a telefonía móbil no rural de Galicia.

A Xunta prevé instalar outras dúas torres no municipio de Lugo que darán servizo aos núcleos de Bacurín, Carricova, O Burgo, Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba e Cabanas. O custe das tres instalacións rolda os 700.000 euros.

A construción destas torres en núcleos rurais de toda a comunidade forma parte dunha actuación da Xunta complementaria aos compromisos do Estado, que é quen ten as competencias en telecomunicacións.

Deja un comentario