Santiago de Compostela, 12 de abril de 2025
A Xunta de Galicia mantén aberto ata o día 12 de maio o prazo de presentación de candidaturas ás Medallas Emilia Pardo Bazán 2024, que recoñece a contribución de persoas ou entidades na defensa e promoción da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. Calquera persoa, organismo, entidade, asociación e mesmo administracións públicas que o desexen, poden presentar as súas propostas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Para formalizar a proposta, as persoas interesadas deben achegar unha memoria ou informe no que se expoñan os méritos polos que se insta a conceder o recoñecemento á persoa, entidade ou institución aspirante ao galardón.
A Xunta impulsou as Medallas Emilia Pardo Bazán no ano 2019 para enxalzar as accións relevantes a prol da igualdade efectiva e brindar unha recoñecemento público ás medidas desenvolvidas na nosa comunidade nese eido. A través destes premios, o Executivo autonómico contribúe á sensibilización social, a dar máis visibilidade aos talentos e capacidades das mulleres, e á difusión da traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis xusta.
Premios da última edición
Na edición do ano pasado, as Medallas Emilia Pardo Bazán outorgáronse aos tres Institutos de Investigación Sanitaria de Galicia; Asociación ACADAR e a Rosa Celia Otero Raña (presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña).
Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratase dunha precursora na defensa do dereitos das mulleres e do feminismo, e por ter reivindicado a educación das mulleres. Ademais, en todas as súas obras incorporou ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres ás mesmas oportunidades que os homes.