Burela (Lugo), 4 de abril de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o centro de día de menores San Aníbal para comprobar o resultado das obras de mellora que se acometeron nas instalacións. Entre as actuacións realizadas, destaca a dotación dun novo parque infantil con elementos adaptados a nenos e nenas con discapacidade.
En total, o importe das obras realizadas ascendeu a preto de 37.000 euros, dos que a Xunta achega 30.000€. Este investimento tamén permitiu a ampliación do espazo de comedor, sala polivalente e sala de estar, creando unha área para novas tecnoloxías. Ademais, instalouse un parque infantil exterior, que hoxe foi inaugurado.
Na súa visita, o director xeral de Familia puxo en valor o labor diario que realiza a entidade Fillas do Divino Celo-Rogacionistas en favor do benestar dos nenos e nenas que empregan este recurso.