Val do Dubra (A Coruña), 22 de marzo de 2025
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o Auditorio Municipal de Val do Dubra, onde se está a desenvolver desde o xoves un obradoiro colaborativo de ourivaría impartido por Susi Gesto, organizado polo Concello desta localidade co apoio da Xunta. Baixo a temática A primavera da emigración, búscase renderlle homenaxe á emigración galega e ás feiras de abril.
Durante a actividade estanse a elaborar dúas xoias en cobre, alpaca e latón, empregando como base dúas pezas de vimbio elaboradas por unha cesteira local: unha maleta e un cesto para unha regueifa. Nas pezas inclúense fotografías relacionadas coa emigración de persoas do Val do Dubra que funcionan como fío condutor do desfile que se fará posteriormente na Feira de Abril.
No obradoiro están a participar nenas e nenos das escolas de Val do Dubra e de Portomouro, persoas con diversidade funcional, persoas da residencia da terceira idade e mulleres do medio rural. A actividade, que remata mañá domingo, desenvólvese en horario de 10,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 20,00 h.
Susi Gesto
Susi Gesto aprendeu o oficio tradicional desde nena con seu pai Eloy Gesto, un dos artesáns máis relevantes da tradición ourive de Compostela e en cuxa honra un dos Premios Artesanía de Galicia, o adicado á formación de novos talentos, leva o seu nome. No ano 2014 establece o seu taller no casco antigo de Santiago de Compostela, co firme propósito de crear pezas que recuperasen a ourivería compostelá desde unha perspectiva propia e contemporánea. O seu traballo caracterízase por unha fonda influencia da ourivería tradicional e pola incorporación doutros materiais coma o cobre. As súas xoias desfilaron en pasarelas como a Mostra do Encaixe de Camariñas e a Moda Norte de Santander, e participou en diferentes exposicións de artesanía e de xoiería. Habitualmente colabora coa Fundación Artesanía de Galicia como docente de talleres de ourivería en eventos coma o Corazón da Artesanía de Agolada ou Artesanía de Galicia no Courel e é unha das docentes do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta co obxectivo de manter, divulgar e recuperar técnicas tradicionais e de fomentar a remuda xeracional.