Vigo (Pontevedra), 17 de decembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta tarde o Belén vivente realizado polos usuarios da Asociación Galega San Francisco en Vigo. Durante a visita, felicitou aos membros da entidade polo traballo realizado na elaboración, un ano máis, desta tradicional representación de Nadal.
Begoña Abeijón destacou que un ano máis os usuarios desta entidade amosaron as súas habilidades e todo o traballo e esforzo que realizan cada día en todos os recursos de atención desta asociación. Así, sinalou que contan varias residencias, centros de día e un ocupacional aos que a Xunta de Galicia destina máis de 4 millóns de euros para financiar 167 prazas.
Ademais, o Executivo galego destinou nos últimos anos preto de 700.000 euros para sufragar diferentes liñas de programas e achegas para a mellora das instalacións e a adquisición de material. Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé en que a Xunta de Galicia seguirá traballando para promover iniciativas que supoñan un paso adiante na calidade de vida das persoas con discapacidade.
Visita á Fundación Integra
Begoña Abeijón tamén visitou as instalacións da Fundación Integra en Vigo para coñecer de primeira man o traballo que realizan na atención ás persoas con discapacidade intelectual. Durante o encontro, escoitou as súas demandas e estableceron diferentes vías de colaboración para seguir mellorando a vida das persoas afectadas.