Lugo, 24 de marzo de 2024
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa presidenta de Alcer Lugo, María José Otero, e outros membros da entidade para avaliar fórmulas de colaboración na organización da segunda edición da carreira solidaria “Donar é amar”, que se celebrará na capital lucense o día 1 de xuño.
Logo do éxito do pasado ano, a asociación de loita contra as enfermidades de ril cambia a data da cita para aproximala ao Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, que será o 4 de xuño, e optimizar o eco de ambas campañas de sensibilización.
Manterá a estrutura de probas por tramos de idade: unha andaina pola Muralla, a carreira de pitufos para os máis pequenos, as categorías 10-12 e 14-16, e a absoluta, que consistirá en dúas voltas completas ao monumento.
O delegado sinalou o apoio que presta a Xunta a Alcer Lugo “tanto para a correcta prestación dos seus servizos como nas actividades que programa”. Ao respecto, lembrou que recentemente a Consellería de Sanidade renovou o convenio polo que financia con 672.880 euros o traslado dos pacientes que reciben tratamento de hemodiálese dende os seus domicilios ata os centros asistenciais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.