Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a concesión directa dunha axuda de carácter extraordinario de 60.000 euros á entidade deportiva Club Remo Puebla, que se viu afectada por un incendio na noite do pasado 5 de xaneiro que afectou á totalidade do inmoble, destruíndo tanto a estrutura como tamén o equipamento que se atopaba no seu interior.
Cómpre salientar que o Club Remo Puebla, fundado en 1979, é un dos clubs de remo máis importantes de Galicia, nomeadamente, no banco fixo, e que na tempada 2021 competiu con tres embarcacións en todas as categorías da Liga Galega de Traiñeiras: A, B e feminina. O club conta con preto de 150 licenzas federativas, sendo o 61% das mesmas de base.
Esta axuda para a adquisición de material deportivo está destinada a garantir a viabilidade do Club Remo Puebla, comprometida tras o incendio que estragou a totalidade das súas embarcacións e elementos auxiliares. Segundo o inventario do equipamento e bens de carácter inventariable, as perdas ascenden a preto de medio millón de euros. A achega directa permitirá ao club adquirir unha dotación de material para seguir co fomento da práctica do deporte do remo así como a súa participación nas diferentes competicións.
A Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, achegou ao Club Remo Puebla preto de 1.500 euros na tempada 2024 por distintas liñas de axudas, o que suma un total de 59.000 dende 2009.
Ademais, en 2024, a Xunta impulsou 400 actuacións en instalacións deportivas tanto de titularidade autonómica como municipal, cun orzamento global de 22 millóns de euros tanto con axudas da Secretaría Xeral para o Deporte como con liñas específicas de apoio ás administracións locais.