A Xunta destaca o compromiso da Mariña coa excelencia turística con 12 novas empresas e servizos co distintivo de calidade SICTED

Foz (Lugo), 6 de febreiro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe en Foz “o compromiso da Mariña coa excelencia turística” durante a entrega de diplomas ás 12 novas empresas e servizos da comarca recoñecidos co distintivo de calidade SICTED.

No transcurso deste acto que se desenvolveu no IES de Foz, Arias salientou o apoio do Goberno galego “ás accións de mellora continua” que se están a impulsar na zona coa achega dun millón de euros para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística e tamén a través do convenio anual coa Axencia de Turismo de Galicia.

Arias felicitou á Mancomunidade de Municipios polo traballo que están e realizar para reforzar a imaxe da Mariña “como un destino máis competitivo, sostible e atractivo durante todo o ano”. Subliñou que os certificados de calidade “contribúen a avanzar neses obxectivos”.

Nese sentido, puxo en valor as 42 empresas e servizos da zona que xa contan co recoñecemento do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) dende que a Mancomunidade comezou a implantalo como un dos retos asumidos no marco do Plan de Sostibilidade Turística.

Entre as entidades que contan coa acreditación figuran albergues, aloxamentos rurais cámpings, hoteis, apartamentos, bares, restaurantes, guías turísticos, museos e outros centros de interese visitables, oficinas de turismo ou negocios de artesanía e de turismo activo. 

Deja un comentario