Ribadavia (Ourense), 5 de xaneiro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Ribadavia, César Fernández, visitou hoxe o mercado de Nadal do comercio local de Ribadavia, unha iniciativa do CCA Establecementos Asociados do Ribeiro que conta co apoio da Xunta de Galicia e que busca impulsar as compras de proximidade durante estas datas. Alén destacou a excelente acollida do evento, que esta fin de semana abriu de novo as súas portas na Igrexa da Madalena tras o éxito rexistrado as dúas anteriores fins de semana, cun amplo abano de productos que van desde moda e complementos ata cosmética natural, adornos florais ou doces típicos desta época.
Alén fixo fincapé no bo labor dos comerciantes como a mellor garantía da atención personalizada que se require en datas coma esta, de cara a atopar os mellores agasallos. Así mesmo, destacou a capacidade do comercio local para atraer visitantes e revitalizar as vilas e comarcas galegas. Neste senso, puxo en valor o evento Artesanía, saber e sabor, celebrado a pasada ponte de decembro e que foi o punto de partida do proxecto Vilas Vivas. O propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos para o desenvolvemento de eventos efémeros que atraian visitantes durante as fins de semana, ligando deste xeito comercio, gastronomía, turismo e cultura para ofrecer unha experiencia integral que impulse as cabeceiras de comarca.