Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2024
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, participou este mediodía no Hospital Álvaro Cunqueiro na clausura das XII Xornada informativa de fibrose quística da Asociación Galega de Fibrose Quística onde salientou a relevancia de que pacientes e as súas familias conten con información e coñecemento para ter unha maior comprensión da súa enfermidade.
A fibrose quística é unha enfermidade crónica, que acostuma a aparecer na infancia e é cualificada como rara porque a súa incidencia varía de 1 entre 3.000 e 1 entre 8.000 nacidos vivos.
O xerente do Servizo Galego de Saúde lembrou que a sanidade pública galega está a actualizar a súa Estratexia de enfermidades raras que afondará na abordaxe integral de cada paciente. «Estamos a traballar intensamente para que as unidades especializadas en fibrose quística conten coas mellores ferramentas tecnolóxicas e co persoal máis capacitado, de maneira que poidamos brindar unha resposta rápida e efectiva a esta complexa enfermidade».