A Xunta destaca a campaña ‘Nadal en Zona Náutico’ para dinamizar as vendas do comercio vigués

Vigo, 16 de decembro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe varios establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto (CCA) Zona Náutico de Vigo, no marco da segunda parte da campaña Nadal en Zona Náutico. Alí, puxo de relevo esta iniciativa de impulso ás compras de proximidade mediante a que as persoas que merquen nos comercios asociados poderán subir os seus tíckets á aplicación da asociación do CCA e optar a un cruceiro para dúas persoas.

Alén fixo fincapé na importancia deste tipo de eventos ás portas do Nadal, aproveitando unhas datas especialmente prósperas para o tecido comercial. Nese senso, a campaña arrancou o pasado 1 de decembro e prolongarase ata o Día de Reis, 6 de xaneiro. O director xeral engadiu que Vigo foi unha das zonas que acolleu nas últimas semanas unha serie de formacións impulsadas pola Xunta sobre cuestións como o escaparatismo ou as redes sociais, co gallo de seguir mellorando as competencias dos establecementos de comercio polo miúdo e de consolidalos como opción próxima e de calidade para os consumidores e usuarios.

Deja un comentario