Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a nova convocatoria de axudas para a continuidade e mantemento das casas do maior abertas no 2023. A Xunta de Galicia destina a estas achegas para o ano 2025 unha contía que ascende a 779.700 euros.
Estas axudas para o mantemento das casas do maior consisten nunha prestación económica de 24.800 euros ao ano para apoiar cada unha das iniciativas emprendedoras. As persoas interesadas en solicitar estas achegas terán un mes de prazo a partir da publicación da convocatoria no DOG. O procedemento pódese realizar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Galicia conta con máis de 140 casas do maior, un recurso de atención creado para dar un servizo de atención nas zonas máis despoboadas . Os usuarios acoden diariamente a estes espazos onde reciben uns coidados e atención de calidade. Ademais, as casas do maior fomentan a socialización entre os maiores e axudan a previr a soidade non desexada.