A Xunta convoca á comisión de control da violencia polos feitos do Sanxenxo – Rasoeiro e desexa unha pronta recuperación ao afeccionado ferido

Santiago, 16 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia condena profundamente os feitos acaecidos no día de onte no partido do Grupo C da categoría cadete feminina galega que enfrontou ao Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro BM no que un familiar do colexiado foi vítima dunha agresión resultando gravemente ferido. Neste sentido, o Goberno galego desexa unha pronta recuperación ao afeccionado e vén de convocar de urxencia á Comisión Galega de Control da Violencia co obxecto de depurar responsabilidades.

Deste xeito, a décimo quinta xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia terá lugar mañá día 17 de decembro ás 10,30 horas co único punto do día dos feitos acaecidos no pavillón de Vilalonga, en Sanxenxo.

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insiste na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e une este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia. Neste sentido e tras menos de 24 horas dende o acaecemento dos feitos, o mandatario galego advirte que “a Comisión seguirá traballando día a día para que ningún suceso violento quede impune. Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte”.

Deja un comentario