Santiago de Compostela, 19 de abril de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, recibiu hoxe na praza do Obradoiro aos participantes dunha nova edición de Enki no Camiño e Convivindo no Camiño. Alí destacou que estas iniciativas permiten ás persoas con discapacidade facer o Camiño de Santiago e son fundamentais para fomentar a súa plena inclusión.
A directora xeral sinalou que estes proxecto contan co apoio do Goberno galego, que en total destina este ano 300.000 euros á Fundación Abrente, da que forma parte Enki, para financiar estas e outras iniciativas con cargo as axudas do 0,7% do IRPF. Así, fixo fincapé en que ambas actividades buscan dar un paso máis na integración das persoas con discapacidade en todos os ámbitos sociais, neste caso a través da unión do deporte e un elemento cultural e simbólico como o Camiño de Santiago.
Despois de recibir aos participantes de Enki no Camiño e Convivindo no Camiño, Begoña Abeijón trasladoulles o compromiso do Executivo galego para seguir avanzando nunha Galicia máis inclusiva. Ademais, lembrou que unha das prioridades da Xunta é seguir reforzando a atención ás persoas con discapacidade, poñendo en marcha máis recursos e mellorando a colaboración co tecido asociativo.