A Xunta colabora coa Fundación Breogán en novas accións para fomentar a inclusión social a través do deporte

Lugo, 16 de xaneiro 2025

A Xunta colabora coa Fundación Breogán en novas accións para fomentar a inclusión social a través do deporte. O obxectivo é ofrecer a homes e mulleres solicitantes de asilo a oportunidade de sumarse a adestramentos de baloncesto que se desenvolven unha vez por semana nas instalacións do CEIP Anexa.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, estivo na presentación da iniciativa xunto co director da fundación, Luis Abel Taboada, e representantes doutras institucións e entidades colaboradoras, entre as que figuran Cruz Vermella e Diaconía. 

Hoxe deuse a coñecer o proxecto MaTumaini – esperanza en lingua suajili – dirixido a rapaces, que adestrarán os venres pola tarde. As mulleres farano os martes no marco doutra das accións que ten en marcha a Fundación, o proxecto Cris Seijo, enfocado a fomentar a práctica do baloncesto feminino e que amplía o seu alcance para incorporar a estas rapazas.

Arias puxo en valor as oportunidades que ofrece o deporte “como ferramenta de transformación social” e subliñou que a súa práctica “achega moitas posibilidades de crecemento e de integración a persoas en situación de vulnerabilidade”.

Deja un comentario