Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia estreita a colaboración co sector ornitolóxico galego co fin de facilitar as xestións do seu día a día apostando, entre outras cuestións, polo uso de novas ferramentas tecnolóxicas.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Federación Ornitolóxica Rexional Galega, Aviornis Ibérica, Asociación Galega de Cetreiros e Criadores de Aves Rapaces e da Asociación de Criadores de Aves Exóticas de Galicia na que escoitou as súas demandas e necesidades ao tempo que lles trasladou que a Xunta vén de poñer en marcha novas aplicacións informáticas para axilizar a tramitación das autorizacións dos núcleos zoolóxicos.
Estas aplicacións, desenvolvidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), permiten que as entidades promotoras de instalacións como, por exemplo, centros de acollida ou residencias de animais, poidan xestionar a súa inscrición no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) así como que os interesados poidan realizar dixitalmente os trámites relacionados co Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac).
Durante o encontro, os responsables das entidades ornitolóxicas informaron á conselleira da súa preocupación por algunhas cuestións relacionadas coa súa actividade, como a comercialización das aves incluídas no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe) ou a importancia de que haxa unha maior diferenciación e distintas exixencias para os centros e núcleos zoolóxicos en función do seu tamaño e número de aves acollidas.
A conselleira, pola súa banda, indicou que trasladará estas inquedanzas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, que é a Administración competente en moitas destas cuestións.