Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta das medidas coas que Galicia está a loitar contra a violencia de xénero e a favor da igualdade, na semana previa ao 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Na súa intervención, a conselleira detallou os orzamentos que o seu departamento mobilizará en 2025 para combater esta lacra, que se incrementarán ata chegar aos 28,3M€, o que supón un 5% máis que no ano anterior.
Fabiola García fixo fincapé en que a resposta á violencia de xénero debe xirar en torno a tres eixos principais “a tolerancia cero, a resposta conxunta das administracións e da sociedade e a atención especializada ás vítimas”. E explicou que a Xunta continuará apostando pola sensibilización da sociedade galega e poñendo o foco nos máis novos.
Precisamente con este obxectivo, e tal e como avanzou hoxe mesmo o Presidente da Xunta, o vindeiro ano a Consellería de Política Social e Igualdade comezará a deseñar a que será a primeira Lei de violencia dixital de España. A súa finalidade será establecer medidas de sensibilización, prevención e detección do acoso no eido dixital, prestando especial atención ás mulleres, aínda que tamén a outros colectivos vulnerables.
Mantemento das axudas económicas
Tras lembrar ás catro vítimas mortais contabilizadas no que vai de ano, Fabiola García destacou que o esforzo inversor da Xunta permitirá o mantemento e reforzo das diferentes prestacións económicas que ofrece para que as vítimas poidan gañar independencia dos seus agresores. Manteranse así as axudas periódicas mensuais de ata 800 euros durante 12 meses, ás que se destinarán 4,3M€, e os apoios de pagamento único para mulleres con poucos recursos e difícil acceso ao mercado laboral, que incrementarán os seus fondos nun 60% ata chegar aos 2,7M€. A esas prestacións sumarase unha nova liña de axudas de pago único destinadas especificamente a vítimas de violencia sexual, que disporá de 1,2M€.
Do mesmo xeito, a comunidade galega seguirá a garantir a percepción de indemnizacións por parte das vítimas, a axuda económica ás orfas e orfos desta lacra e ás mulleres gravemente feridas, e cubrirá parte dos gastos nos que incorran as vítimas que cambien de residencia habitual pola súa contratación ou inicio de actividade laboral noutro lugar.
Todas estas actuacións compleméntanse cun amplo abano de medidas en materia de atención, acompañamento, formación e integración das vítimas de violencia de xénero. Entre elas, a conselleira lembrou que Galicia dispón dun dos servizos de tratamento psicolóxico máis completos de España, que ofrece atención Integral, non só para a vítima, senón tamén para os familiares. Un servizo que atenderá neste 2024 a máis de 1.800 mulleres, fillas e fillos.
Fabiola García tamén avanzou que a Xunta “blindará un ano máis a atención integral e especializada”, un eido que, explicou, verase reforzado coa apertura dos 5 centros de crise 24 horas, que xa están rematados e serán postos en marcha nas vindeiras semanas nas áreas hospitalarias de Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo.
Ademais, o vindeiro ano tamén se continuará consolidando a Rede Galega de Acollemento. Neste sentido, lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en posuír unha rede de acollida adaptada para vítimas con patoloxías mentais, que se verá ampliada coa apertura dun centro especializado na atención a mulleres con adicións en O Porriño.
Fabiola García destacou que moito do traballo realizado pola Xunta é posible grazas á colaboración transversal con concellos, entidades e universidades, aos que agradeceu o seu compromiso. Esta colaboración reflíctese, por exemplo, na axuda ás vítimas a incorporarse ao mundo laboral, un eido no que se investirán 3,8M€ en 2025.
Nesta liña de colaboración e cooperación entre administracións, a conselleira detallou as reclamacións que lle fai a Xunta ao Goberno central e que se centran na revisión e actualización do sistema Viogen, a renovación e actualización do Pacto de Estado, a dotación a Galicia de novos xulgados e a promulgación da lei contra a trata das persoas.
Promoción da igualdade
Na súa intervención no Parlamento, a conselleira incidiu en que o reforzo das políticas de violencia de xénero tamén irá acompañado do impulso á promoción da igualdade de xénero, unha área que contará en 2025 con máis de 28M€ de orzamento, o máis alto ata o momento.
Entre as liñas de actuación, o vindeiro ano impulsarase unha maior educación e investigación en clave de igualdade. E, ademais, elaborarase o Plan integral de actuación para a renovación e impulso dos Centros de Información á Muller (CIM) que irá acompañado o vindeiro ano dun investimento de 6,5M€, un 30% máis que en 2024.
Por último, a Xunta continuará blindando a corresponsabilidade e o reparto equilibrado de tarefas no fogar, cun investimento de 10,5M€, e manterá as axudas ao fomento do emprendemento feminino, que contarán con 5,1M€, e que favorecen a independencia e empoderamento das mulleres.