Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2025.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co presidente da Asociación de Tecores Galegos (Ategal), Fernando Rois, e outros representantes da entidade para avaliar posibles vías de colaboración.
En concreto, analizaron o labor divulgativo que leva a cabo a entidade de cara a trasladar aos afeccionados á caza novos coñecementos así como o seu esforzo por divulgar entre a cidadanía os valores ambientais asociados á actividade cinexética.
A maiores, no encontro tamén avaliaron a xestión do xabaril. Nesa liña, a conselleira agradeceu o esforzo de Ategal por colaborar coas medidas implementadas por parte do Goberno galego, como a declaración da emerxencia cinexética, que entrou en vigor o pasado mes de outubro e que se manterá ata o 23 de febreiro de 2025.
Tal e como lembrou Ángeles Vázquez, é a cuarta vez que se recorre a este instrumento, que é excepcional e provisional, complementario á caza regrada e ás actuacións puntuais de control por danos e que busca axilizar a aplicación de medidas de control das poboacións nas zonas con maior incidencia. Nesta ocasión, abrangue 40 comarcas, 260 concellos e preto do 85% da superficie de Galicia, seleccionadas trala análise de variables obxectivas -avisos por danos do xabaril, accidentes de tráfico, superficie afectada e censo gandeiro porcino-.
Nesa liña, cómpre indicar que na tempada cinexética 2023-2024 o número de capturas de xabarís en toda Galicia foi de 18.283, na liña de anos anteriores, e a superficie danada roldou as 2.800 hectáreas.