Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024
A Xunta entende que as entidades ambientalistas deben estar representadas no Foro do litoral, polo que avaliou coa Federación Ecoloxista Galega a futura composición e funcionamento deste órgano colexiado clave para a xestión da franxa costeira galega. De feito, a propia Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia (Loxilga) prevé a súa presenza neste foro xunto a administracións, universidades, organismos científicos, organizacións dos sectores produtivos e entidades de protección do patrimonio cultural.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro coa vicesecretaria da Federación Ecoloxista Galega na que lle expuxo a finalidade da posta en marcha deste organismo -do que se prevé aprobar o acordo de inicio do decreto sobre a súa creación e composición a mediados do próximo mes- e a súa transcendencia na xestión do litoral de acordo co que establece a Loxilga.
Esta é a cuarta e última xuntanza da rolda de contactos da responsable autonómica cos axentes e organizacións vencelladas co litoral no contexto da consulta pública previa de creación do Foro do litoral. Este procedemento -que estivo aberto durante o prazo dun mes- permitiu ás persoas e entidades interesadas facer aportacións de cara a unha axeitada conformación e operatividade deste órgano.
A Xunta avanza así na posta en práctica da filosofía da Loxilga de compaxinar o respecto ao medio ambiente coa protección das actividades que se desenvolven nas poboacións do litoral que viven do mar, garantindo o desenvolvemento do seu labor mediante unha explotación sostible, equilibrada e responsable dos recursos.
Por iso, a participación de todas as entidades implicadas neste eido é fundamental para garantir que exista ese equilibrio entre a protección do medio ambiente e das actividades socioeconómicas, así como o coidado dos elementos que forman parte da cultura galega e que definen a identidade costeira e mariñeira de Galicia.
Desenvolvemento da normativa
A responsable autonómica salientou que, con estes contactos previos á constitución do Foro, a comunidade avanza no desenvolvemento da lei do litoral de Galicia e no exercicio pleno das súas competencias neste eido, referendadas pola sentenza emitida polo Tribunal Constitucional o pasado mes de abril.
Neste sentido, a Xunta remitiu recentemente a súa resposta fundamentada ao borrador remitido polo Executivo central sobre o traspaso dos medios e servizos para a xestión plena do litoral, paso previo á celebración da ponencia técnica para iniciar a negociación.
Galicia converteuse coa Lei de ordenación e xestión integrada do litoral na primeira comunidade española en regular a través dunha normativa propia e integral a franxa costeira en toda a súa extensión. A Xunta está a dar os pasos necesarios para o desenvolvemento dunha norma que permitirá xestionar os 2.500 quilómetros de costa da comunidade e 1,6 millóns de hectáreas terrestres e marítimas.