A Xunta aposta na Ribeira Sacra polo emprendemento ligado ao territorio avogando pola especialización e o potencial de cada contorna

Sober (Lugo), 28 de febreiro de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá en Sober na xornada Diversificar para expandir e diferenciar un negocio turístico na Ribeira Sacra, organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Monforte de Lemos. Con esta actividade —na que tamén estivo presente o alcalde de Sober, Luis Fernández— búscase que os asistentes coñezan modelos de negocio innovadores na Ribeira Sacra, explorando as oportunidades que oferta o territorio, intercambiando experiencias ao mesmo tempo que se ofrece a posibilidade de formar sinerxías con emprendedores xa reafirmados e así fortalecer as estratexias de negocio.

A través desta iniciativa búscase consolidar e reforzar a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —iniciativa pública nada en xullo de 2022— que presta, de forma gratuíta e a través das súas 15 oficinas, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico. Neste marco, o Polo de Monforte, desde a súa creación no ano 2022 leva preto de 240 proxectos atendidos e arredor de 95 actividades realizadas entre reunións con entidades, accións de formación e eventos da rede, resaltando que actualmente o número de mulleres emprendedoras atópase no 54 % do total dos asesorados.

Deja un comentario