Ribadumia (Pontevedra), 10 de xuño de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde na presentación das actividades do Mes da diversidade que organiza o concello pontevedrés de Ribadumia e a Asociación pola diversidade social GOTAS. O obxectivo desta iniciativa é reivindicar os dereitos das persoas LGBTI e amosar o compromiso da veciñanza.
Así, María Quintiana puxo en valor a ampla programación de actividades, destacando a que será novena edición da Ruada das Gotas, un festival convertido nun referente da posta en valor da diversidade sexual no rural e que se celebrará os días 20 e 21 de xuño co apoio da Xunta de Galicia. Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé na importancia de que todos os axentes sociais sigan impulsando iniciativas coma esta que contribúan a dar viabilidade ás persoas LGBTI sobre todo no rural.
A directora xeral lembrou que nestes últimos anos a Xunta de Galicia impulsou medidas específicas para combater a LGBTIfobia e poñer en valor a diversidade sexual e identidade de xénero. Así, fixo fincapé no traballo que desenvolve o Observatorio LGBTI que está integrado por entidades sociais, institucións públicas e sindicatos. Ademais, recordou que a Administración galega aprobou recentemente un protocolo de atención e asesoramento especializado ás persoas LGBTI través dos Centros de Información á Muller, tamén o protocolo de atención ás persoas trans no Sergas. Do mesmo xeito, puxo en valor o traballo do movemento asociativo, que conta co apoio económico da Xunta, e o labor de atención á diversidade que realizan desde hai anos os centros Quérote+.