A Xunta anima á alcaldesa da Coruña a exercer as súas competencias no ámbito urbano respecto das VTC e deixar a confrontación

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025

A Xunta amosa a súa sorpresa ante as declaracións da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, por intentar  responsabilizar á Administración autonómica de cuestións referidas aos vehículos de turismo con condutor (VTC) que son de estrita competencia municipal. Por iso, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, animou á rexedora que “como máxima responsable municipal, tome as decisións que considere oportunas na cidade respecto das VTC e se poña a traballar para regular no ámbito municipal, deixando a un lado a confrontación coa Administración autonómica”.

O conselleiro lembrou que a Xunta tramita as autorizacións de licenzas de VTC domiciliadas na comunidade, por delegación de competencias do Estado. As licenzas teñen carácter autonómico e interurbano, non habilitan para facer recorridos urbanos, pero permiten operar en todo o territorio galego sempre facendo traxectos entre diferentes municipios.

Cómpre lembrar que a lexislación estatal modificouse no ano 2023 limitando a concesión de licenzas VTC en base a criterios ambientais e de conxestión de tráfico, agás no caso de que os vehículos para os que se solicite a autorización sexan eléctricos, cero emisións de batería, de célula de combustible ou de combustión de hidróxeno.

A persoa física o xurídica que solicita a licenza debe cumprir con todos os requisitos que establece a normativa para a súa obtención no que se refire a sede, vehículos, condutores e seguros. Unha vez obtido o permiso para operar en Galicia, os medios e a plataforma de explotación da mesma é unha decisión allea á Xunta.

Actualmente, o Goberno galego está a tramitar as licenzas VTC segundo esta normativa e non concede permisos a plataformas de intermediación de vehículos con condutor.

A Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, incorpora a normativa estatal e establece que, no suposto de prever o seu outorgamento nas correspondentes ordenanzas municipais, os concellos serán competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a prestación de servizos urbanos de arrendamento de vehículos con condutor a quen dispoña previamente da correspondente autorización interurbana domiciliada en Galicia.

Diego Calvo remarcou ademais que, a Dirección Xeral de Mobilidade, no ámbito das súas competencias, realiza as funcións inspectoras do cumprimento da normativa en materia de transportes. No marco destas inspeccións, “os axentes velan polo cumprimento da norma, remitindo os informes que correspondan aos concellos no caso de detectar incumprimentos que a Administración autonómica non pode sancionar, como é o caso da realización de tráficos urbanos por VTC”. Así o remarcou o conselleiro, insistindo en que a competencia sancionadora para os servizos de VTC no ámbito urbano corresponde aos concellos.

Por último, e no marco da coordinación xeral dos servizos de vehículos de turismo, o conselleiro indicou tamén que a Xunta remitiu unha comunicación recordando as súas obrigas legais a todas as persoas físicas e xurídicas titulares dunha licenza VTC en Galicia. Nesta liña, engadiu o fomento da coordinación e formación cos axentes de trafico da Garda Civil, e a posta a disposición dos concellos e policías locais de Galicia para coordinar de forma conxunta a actuación de inspección de cumprimento das normas polos titulares de VTC.

Por todo o exposto, Diego Calvo asegurou que a Xunta cumpre estritamente coa normativa vixente e as súas competencias polo que “pedimos á alcaldesa da Coruña que, se non quere cumprir coas súas, non intente escudarse na Administración autonómica”.

Deja un comentario