Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025
A Xunta agarda que o Goberno de España “escoite” o Congreso dos Deputados e, “sen máis dilacións, retire o borrador do novo mapa concesional estatal e convoque a Conferencia Sectorial de Transportes para abordar en consenso coas Comunidades Autónomas unha nova proposta que non penalice o rural galego e que teña en conta as particularidades dos distintos territorios”.
Así o trasladou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tras aprobar a Cámara Baixa unha Proposición non de Lei sobre o novo mapa concesional estatal dos servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada.
“É unha cuestión que levamos reclamando ao Goberno de España desde hai tempo sen ter ata o de agora resposta” insistiu o conselleiro, ao tempo que recordou que dita Conferencia non se convoca desde xullo de 2022, pese a que o regulamento establece que debe convocarse polo menos unha vez cada seis meses, e que Galicia xa pediu en diversas ocasións a súa celebración para abordar, entre outros asuntos, a necesidade de formular un novo mapa que atenda as necesidades das Comunidades Autónomas.
Diego Calvo remarcou que o Goberno Galego manifestou desde o primeiro momento o seu desacordo coa proposta do Executivo ao entender que se pretende impoñer sen negociar coas comunidades un plan que, de seguir adiante tal e como concibe o Goberno de España, provocará desigualdades territoriais coa supresión de servizos e desconecta o rural da rede estatal.
Neste punto lembrou que no caso da comunidade galega, entre outros prexuízos, deixará illados máis dunha vintena de concellos, que suman 130 mil habitantes, elimina 87 paradas, deixa localidades sen paradas nas rutas estatais obrigando a facer transbordos, e reduce nun cento as conexións entre concellos galegos e en máis de 70 con outras comunidades.
A xuízo de Calvo o Goberno de España non pode pretender impoñer o mapa concesional sen antes abordar o asunto no seo da Conferencia Sectorial dado que “estamos a falar dunha cuestión que nos afecta en conxunto e tamén á mobilidade do territorio”. Por este motivo “pedimos ao Goberno que rectifique, acate o encargo que lle fai o Congreso, retire este plan e convoque a Conferencia Sectorial que lle vimos demandando desde hai tempo para consensuar un novo texto”.