Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2024
A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, adxudicou o contrato de explotación, mantemento e conservación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ortigueira para os vindeiros dous anos por preto de 520.000 euros.
A estación de tratamento de augas residuais está deseñada para una poboación estimada de 5.000 habitantes e dispón dun tratamento biolóxico con recirculación sobre cámara anóxica, seguido dun tratamento físico-químico con redución de fósforo e rematando con raios ultravioleta.
En concreto, o contrato adxudicado abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento, garantindo o mantemento e a conservación en perfecto estado de todas as instalacións.
Aínda que a prestación dos servizos de saneamento e abastecemento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten no marco dunha estratexia coa que busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.
De feito, actualmente Augas de Galicia encárgase da explotación dun total de 28 estacións depuradoras de augas residuais no conxunto da comunidade.
Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios en materia de depuración e saneamento ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen algúns deles para asumilo, facilitando que este servizo se poida prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.
Ademais, o actual modelo de prestación de servizos autonómicos contribúe tamén a profesionalizar a xestión da auga, a garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos básicos para a cidadanía.