A UVigo traballa na posta en marcha de 11 novas titulacións para os cursos 2025/2026 e 2026/2027

A Universidade de Vigo aprobou este luns en Consello de Goberno a verificación de preto dunha ducia de novos títulos, incluíndo un novo grao, tres dobres titulacións e sete mestrados. Quedan aínda por diante numerosos trámites, pero, se todo sae segundo o agardado, serán as grandes novidades da oferta académica da institución para os cursos 2025/2026, no caso de dúas dobres titulacións vinculadas á Facultade de Ciencias, e 2026/2027 para o resto. Así se expuxo durante o Consello, celebrado como é habitual na sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero, nunha sesión na que tamén se deu visto e prace a numerosos cambios de normativas relacionadas coa contratación de profesorado, á Memoria de Responsabilidade Social da UVigo correspondente ao 2023 e ao Regulamento de Réxime Interno do Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero, entre outros temas.

Novos títulos nos tres campus

Polo que respecta ás novas titulacións, haberá novidades nos tres campus. No caso de Pontevedra porase en marcha no curso 2026/2027 o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Navais para a Defensa, titulación que estará adscrita ao Centro Universitario da Defensa de Marín e que substituirá o actual Grao en Enxeñaría Mecánica. Por outra banda, aprobouse tamén a posta en marcha do que será o primeiro PCEO -Programación Conxunta en Estudos Oficiais-, ‘dobre-grao’, do campus, e que, neste caso, unirá as titulacións de Comunicación Audiovisual e Publicidade, impartidas na Facultade de Comunicación. A maiores, tamén se porá en marcha un novo máster, vinculado neste caso á Escola de Enxeñaría Forestal, bautizado como Máster en Solucións Innovadoras en Geomática que, tal e como explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, “ten pensado establecer unha dobre titulación coa Universidade Vilnius Tech, de Lituania, incluída no consorcio Athena”.

No campus de Ourense, as novidades serán dous novos PCEO, neste caso vinculados ambos os dous á Facultade de Ciencias: PCEO en Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais e PCEO en Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. A idea é que poidan ofertarse xa o vindeiro curso, 2025/2026, “polo que, se o centro está disposto, intentaremos que a consellería o aprobe para esa data”, para o que sería necesario aprobalo xa nas vindeiras semanas -Consello de Goberno de finais de xaneiro-, explicou o vicerreitor. En canto á oferta de mestrados para este campus, aprobouse a verificación de tres novos títulos: Máster en Viticultura e Enoloxía, na Facultade de Ciencias;  Máster en Políticas de Seguridade e Sistema Penal, en Dereito, e Máster en Traballo Social no ámbito sanitario, “titulación que se está a implantar en todo o Estado mediante a colaboración de diferentes universidades por zonas xeográficas.

En relación ao campus de Vigo todas as novidades chegan da man dos mestrados e, máis concretamente, dos vinculados á Facultade de Química e á Escola de Enxeñería Industrial. En relación a Química, aprobouse a verificación do Máster en Ciencia e Tecnoloxía en Nanomateriais e Biomedicina que vén a substituir o antiguo Máster en Nanociencia e Nanomedicina e o Máster en Química Teórica e Modelización Computacional que presenta unha nova proposta para substituir o máster antiguo. No caso de Enxeñería Industrial porase en marcha o Máster en Deseño e Fabricación na Industria Conectada e Intelixente, que substituirá ao Máster en Industria 4.0 -cuxa extinción se aprobou tamén nesta sesión do Consello- e o Máster en Vehículos Autónomos, proposta vinculada ao catálogo G2030.

A maiores destas 11 verificacións, durante a sesión deuse tamén luz verde á modificación, tanto substancial como non substancial, de múltiples titulacións de grao, máster e programas de doutoramento para a súa adaptación a diferentes Reais Decretos. Trátase, tal e como explicou o vicerreitor, de adaptar as titulacións que quedaban ao RD 822/2021 no relativo a adscrición dos títulos aos ámbitos de coñecemento definidos nese RD e das correspondentes materias de formación básica. Neste senso, houbo tres alegacións -Língua española, Língua galega e Socioloxía- respecto aos títulos de grao en Educación Infantil e Educación Primaria, motivadas polo equívoco en equiparar ámbito de coñecemento con área de coñecemento. Se ben a proposta que se levou ao Consello de Goberno fora aprobada por asentamento na COAP, neste caso decidiuse adiar a outra sesión estes casos nos que había alegacións, aprobándose o resto das modificacións por asentimento.

Máis estabilidade para o profesorado substituto e equiparación de galego e español

Na sesión deuse tamén luz verde a varias cuestións do ámbito do profesorado, como a aprobación da Normativa e procedemento, anexos I e V, referidos aos baremos para a cualificación de méritos e á xustificación e presentación de méritos, respectivamente, para a contratación de profesorado substituto na UVigo. “A normativa muda moito, adaptándoa, por unha banda á LOSU, e pola outra, ao espírito de Coara, mudando, no primeiro caso a figura de profesor substituto a tempo parcial dunhas horas por unha figura que pode ser a tempo parcial, como está sendo agora, ou ben a tempo completo, se a causa está suficientemente motivada. Ademais a substitución non remata co curso académico se a baixa segue vixente, senón no momento que o motivo da baixa desaparece. Coido que gaña a calidade da docencia e gaña o departamento porque hai máis estabilidade”, sinalou Adela Sánchez Moreiras, vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica. A outra modificación importante que se introduce é que as listas son permanentes, non caducan e incorpórase o espírito de Coara de non avaliar a cantidade, senón a calidade e que sexan os propios candidatos os que elixan os méritos que eles e elas consideran máis relevantes para acceder á lista de agarda e que xustifiquen porque os consideran máis relevantes. 

Na quenda de intervencións, en representación da CIG, Miguel Cuevas lamentou “a ínfima valoración que se dá á investigación, mentres que a docencia non ten límite”, ao que o reitor respondeu que o feito de que este profesorado non poida realizar investigación é unha limitación introducida pola LOSU, que o equipo de Goberno respectará escrupulosamente.

Tamén se aprobou unha modificación da Normativa reguladora dos concursos de acceso aso corpos docentes universitarios e ás categorías de profesorado permanente laboral e axudante doutor. Con esta actualización equipárase o galego ao español, “poñendo as dúas linguas ao mesmo nivel”, dixo a vicerreitora. Así, se antes era posible presentarse a unha praza de profesor titular ou catedrático coñecendo o español (no caso das persoas estranxeiras co B2 de español) e con dous anos desde o nomeamento para presentar o Celga 3 de galego, agora é posible presentarse a unha praza na UVigo, ou ben presentado o B2 de español, ou ben presentado o Celga 3.

Aprobáronse tamén modificacións na Normativa, procedemento e efectos da avaliación da actividade docente, introducindo un cambio importante “porque este ano vai poder presentarse para ser avaliado para os quinquenios todo profesorado docente a tempo parcial: asociados, substitutos… que ata o de agora eran excluídos Agora son incluídos na avaliación de quinquenios e poden pedir o seu primeiro quinquenio. Tamén están incluídos os posdoc con dereito a docencia, aínda que non irán na convocatoria que sairá en decembro, senón máis adiante, nunha convocatoria extraordinaria. É un paso adiante para recoñecer os dereitos do profesorado a tempo parcial da UVigo”, explica a vicerreitora.

Adela Sánchez Moreiras tamén foi a encargada de presentar ante o Consello de Goberno unha aclaración sobre as empresas creadas ou participadas pola Universidade de Vigo nas que o persoal docente poderá prestar servizos a tempo parcial. O documento aprobado especifica que serán consideradas empresas creadas e/ou participadas pola Universidade de Vigo que cumpran cando menos un dos seguintes requisitos: empresas que estean participadas pola Universidade de Vigo no seu capital fundacional; empresas sobre as que exista un acordo previo do Consello de Goberno ao respecto; e empresas que poñan a disposición ou explotación un resultado de investigación ou unha patente xurdida nun grupo de investigación da UVigo.

Informe do reitor

O reitor, Manuel Reigosa, aproveitou o seu informe para repasar os feitos máis salientables acontecidos na UVigo durante as últimas semanas e dar conta de diferentes cuestións. Entre os feitos máis destacados fixo mención, entre outros, á sinatura, “non sen tempo”, do convenio Maria Goyri para a contratación de 64 axudantes doutores na UVigo, dos cales 42 prazas se convocarán practicamente de maneira inmediata, “por trámite de urxencia”, coa idea de que poidan resolverse antes de xuño de 2025.

Entre outros aspectos, informou do nomeamento do profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Benigno Fernández Salgado como novo director da Área de Normalización Lingüística, “unha persoa que chega con moita ilusión e moitas ganas para ver se nesta etapa final de mandato somos capaces de impulsar unha das tres liñas estratéxicas que marcaramos hai tres anos e que se refería, neste caso, á galeguización, e facelo, coma sempre dun xeito amigable”, subliñou o reitor, quen lembrou que as outras dúas liñas prioritarias eran a internacionalización e a igualdade “un eido no que a UVigo xa está recoñecida grazas ao traballo que se leva facendo ao longo das últimas décadas”.

En canto á docencia noutros idiomas, a previsión segundo o reitor, é seguir ampliando o catálogo de materias que se imparten en linguas estranxeiras, sobre todo en inglés. Neste sentido, explicou que coa nova normativa, aprobada recentemente, os centros poderán incrementar as materias noutras linguas, “sempre e cando conten con profesorado voluntario que as queira impartir e que estean habilitados para dar as clases neses idiomas”. 

Ao respecto tamén do ámbito da internacionalización,  Reigosa informou que se solicitou á Xunta de Galicia a ampliación aos graos das bolsas BEME de Excelencia á Mocidade Exterior que agora mesmo son só para mestrados, así como a posibilidade de pór en marcha títulos conxuntos con distintas universidades arxentinas. “Cada ano chegan aos nosos campus arredor de 250 estudantes, fillos ou netos de emigrantes, que veñen aquí a estudar máster e dos que arredor do 75% acaban traballando en Galicia, o que axuda a frear a sangría da demografía galega que é un dos principais atrancos que temos non só como Universidade, senón tamén como sociedade”.

Por outra banda, Reigosa tamén explicou que seguen as negociacións para a impartición do teletraballo coa esperanza de poder establecer á maior brevidade posible un programa piloto que, en principio, afectaría á area ATIC. A maiores mencionou tamén unha recente xuntanza co alcalde de Vigo, Abel Caballero, na que se trataron cuestións como a posta en marcha de medidas que humanicen o campus cidade, a cesión do edificio Siemens na ETEA ou o pedimento de axuda do Concello de cara á organización da sectorial da CRUE de I+D que se celebrará en Vigo o vindeiro ano.

Regulamento do Ixex

Outro dos puntos da orde do foi a aprobación do Regulamento de Réximen Interno do Instituto Univesitario de Investigación Xustiza e Xénero, Ixex, que foi presentado pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio. A normativa permite definir a natureza, réximen xurídico, obxectivos e función do instituto. Ao mesmo tempo, establece os órganos de goberno de que consta, composición e funciones, ao igual que o estatuto do Persoal Investigador pertencente ao mesmo. Con isto, dótaselle dunha estrutura estable en función da misión e a visión que está ordeado a desempeñar tendo en conta o interese estratéxico que para a Universidade de Vigo supón tal instituto. A reforma xurde como consecuencia da necesidade de adecuar a normativa á LOSU. 

Memoria de responsabilidade social 2023

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, foi a encargada de presentar ante o Consello o informe sobre a Memoria de responsabilidade social 2023. Como ela mesma explicaba, este informe, o décimo cuarto que presenta a institución, “amosa o seu compromiso co rendemento de contas ás sociedade, aspecto sobre o que indice o artigo 3.5 da LOSU”. Consta de sete capítulos nos que se abordan as dimensións social, económica e ambiental, xunto cunha análise dos nosos grupos de interese e catro anexos sobre os estándares temáticos. Deste xeito ofrécese unha imaxe xeral da institución, repasando os seus datos básicos, dende oferta académica, cifras de matrícula, resultados de investigación, posicións nos ránkings, pegada ecolóxica, transparencia e sustentabilidade na xestión económica ou os fitos máis relevantes acontecidos nese período. Tamén repasa as actuacións de responsabilidade social universitaria de forma harmonizada coa Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).