Dende primeira hora da mañá deste mércores, á xa habitual vida académica do campus de Vigo sumáronse máis de 1000 mozos e mozas de institutos de Vigo e a súa contorna. Todas e todos eles pasaron esta mañá no campus no marco das XOU, Xornadas de Orientación Universitaria, a través das cales a UVigo amosa a súa oferta académica ao alumnado pre-universitario. O obxectivo da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade con esta iniciativa é achegarlles a todas e todos eles a información precisa para que poidan tomar unha das decisións máis importantes da súa vida, a de elixir carreira unha vez superen a ABAU, que este ano se celebrarán en Galicia os días 3, 4 e 5 de xuño.
Como destacaba a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, Natalia Caparrini, este é un evento pensado para eles e elas, “para que tomen contacto co mundo universitario, para que coñecen as nosas titulacións e se familiaricen co que se van atopar no seu futuro como estudantes de grao”. Ademais, puxo o foco en que nestas XOU, grazas á presenza de asociacións de estudantes, os mozos e mozas poden coñecer de primeira man as experiencias de estudantes que xa están cursan os seus estudos na UVigo, “é un intercambio que pode ser moi enriquecedor para eles”.
Postos informativos e charlas de asesoramento
Ao longo da xornada, este milleiro de mozos e mozas puideron coñecer non só as titulacións que se ofertan nos tres campus, senón tamén os servizos, instalacións, actividades culturais e deportivas, formación complementaria, asociacións de estudantes, vida universitaria, posibilidades de aloxamento, etc. Todo isto estivo á súa disposición nunha feira que, como vén sendo habitual nos últimos anos, se instala no pavillón universitario do campus de Vigo con postos de cada un dos centros e servizos, dende a Biblioteca Universitaria ou a Área de Benestar, Saúde e Deporte, ata o Servizo de Bolsas, o de Posgrao, Extensión Universitaria ou a Área de Emprego e Empredemento, así como as posibilidades de realizar un voluntariado ou información sobre as actividades de impulsadas polo propio estudantado como as que realizan os mozos e mozas de UVigo Motorsport, de CES UVigo, UVigo Aerotech ou UVigo SpaceLab. Paralelamente, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu unha serie de charlas informativas de carácter xeral.
Participaron na xornada o Colexio Possumus, IES Valadares, IES Santa Irene, IES República Oriental do Uruguai, Colexio Labor, CPR Plurilingüe Rosalía de Castro e IES Politécnico, todos eles centros de Vigo, xunto co IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa.
Un evento que se consolida tras o parón da pandemia
Con esta terceira edición, as XOU consolídanse como unha cita referente para o futuro de moitas mozas e mozas da contorna de Vigo. Tras unha primeira convocatoria en 2019, a pandemia fixo que esta feira se trasladase a un formato virtual ata que se recuperou en xaneiro do ano pasado. Agora, con esta nova edición, o evento afiánzase atraendo máis de 1000 estudantes de secundaria na procura de orientación e inspiración para un futuro case inmediato.