Co desexo de emprender como bandeira, este xoves alumnos e alumnas dos tres campus recibiron no edificio Redeiras os premios e axudas da convocatoria Incuvi nas súas tres modalidades: Emprende para os proxectos en fase inicial, Avanza para os que se atopan nun nivel máis avanzado de maduración e Consolida para os que xa están en disposición de saír ao mercado. En total, 14 ideas de negocio innovadoras que tocan todos os sectores, dende finanzas ata educación, enerxía, alimentación, distribución, deporte ou nova tecnoloxías.
O obxectivo da Universidade de Vigo con este programa é fomentar a innovación, a competitividade e o emprendemento entre o estudantado e as persoas recentemente tituladas, apoiando as súas ideas de negocio para que agromen como empresas viables e fornezan o tecido económico galego, xerando emprego e riqueza.
Máis de 200 iniciativas emprendedoras en todas as edicións
O reitor, Manuel Reigosa, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, felicitaron a todos os mozos e mozas pola valentía de emprender e levar á práctica as súas ideas emprendedoras. Reigosa puxo en valor a aposta da UVigo polo emprendemento e polo traballo en rede. “Queremos ser unha institución que teza xunto coa sociedade civil e as institucións, porque o futuro de España e de Vigo depende de que sexamos quen de traballar xuntos empresas, institucións e academia para poñer todo o talento e o esforzo que hai nas nosas aulas e nos nosos laboratorios á disposición da sociedade”.
A vicepresidenta da Deputación, pola súa banda, recalcou a necesidade de “apostar pola innovación, a produtividade e o emprendemento” con propostas “que inspiran”, como é o caso de Incuvi, de onde saíron xa arredor de 200 proxectos, “algúns deles xa consolidados como industria”. Neste sentido, Sánchez puxo o foco na importancia de que as institucións apoien as iniciativas que agroman, achegando “ese primeiro pulmón financeiro para que os grandes proxectos saian adiante”.
Tamén a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, tivo palabras para os novos premiados, aos que lles recoñeceu a valentía, “porque o emprendemento ás veces dá un pouco de vertixe” pero cos mentores e a formación e axuda que se presta dende o programa Incuvi “ides ver que non ides estar sos”. De feito, Caparrini lembrou que esta iniciativa de fomento do emprendemento conta co patrocinio de entidades como a Deputación de Pontevedra, Abanca, BBVA, Santander, CTAG, Porto de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Outras moitas empresas e entidades da contorna están implicadas como entidades colaboradoras achegando asesoramento e formación aos proxectos.
Ademais, no transcurso do acto os impulsores dos novos proxectos seleccionados tamén coñeceron a experiencia dunha das iniciativas premiadas na pasada edición, Ridel, cuxos impulsores lles relataron como foron os seus primeiros meses de vida como empresa.
Nove ideas innovadoras en Incuvi Emprende
A modalidade Emprende consiste na formación e titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación dun máximo de 6 meses. Nesta edición, a décimo terceira, seleccionáronse nove propostas, catro do campus de Vigo, dúas de Pontevedra e tres de Ourense de ámbitos moi diversos.
Por unha banda, Iago de Francisco, estudante de Administración e Dirección de Empresas en Vigo, impulsa Defrends, unha plataforma web de finanzas personalizadas apoiada por el uso de la IA.
Iago Fontoira, de Belas Artes, é o creador de Fontoira Studio Laboratorio de Creación, un servizo educativo baseado na experimentación artística con clases de arte para un público amplo, nun espazo dinámico e aberto a diversas técnicas e disciplinas.
Apep Energys é a proposta de Isaías Gil, estudante do PCEO ADE e Enxeñaría Informática, unha comercializadora de subministro eléctrico fiable, renovable e competitiva en custes, combinando enerxía solar local con electricidade comprada ao por maior.
Outro dos proxectos seleccionados é o de David González, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que lanza TheColdPack, firma de fabricación e comercialización de paquetes de frío químico orientados á mellora do rendemento deportivo mediante a diminución da temperatura corporal.
Xistra é a proposta dun grupo de estudantes de Enxeñaría Aeroespacial, unha infraestrutura que permita operar de maneira autónoma con drons orientados inicialmente ao transporte de mercancía lixeira a zonas pouco accesibles. Está impulsada por Óscar Hermida, Pablo Magariños, Adrián Ferreira e Alejandro Sanz.
Option Lab é o Proxecto de Alejandro Pérez, estudante de ADE no campus de Vigo, que aposta por un club de inversión que funcionaria como un laboratorio de técnicas operativas de inversión.
Antón Puga, estudante do programa de doutoramento de Enxeñaría Química, foi seleccionado polo seu proxecto TerraMar, que se basea na fabricación de substrato sintetizado a partir de residuos acuático.
Dous estudantes do programa de doutoramento en Xestión e resolución de conflitos. Menores, familia e xustiza terapéutica impulsan Sen Cancelas, unha proxecto que busca ofrecer formacións especializadas nos ámbitos sociosanitario, socioeducativo e de ocio e tempo de lecer, cunha importante presenza da Axenda 2030.
Finalmente, o xurado seleccionou tamén PADD, unha iniciativa de Pablo Santos, estudante de ADE en Vigo, que propón un servizo de comida nutritiva e accesible para todos, deseñada para promover un estilo de vida saudable.
Catro proxecto na modalidade Incuvi Avanza
A modalidade Avanza, na súa novena edición, está pensada para os proxectos que se atopan nun nivel máis avanzado de maduración e ofrece tanto formación e mentorización como unha achega económica de 1000 euros para facer fronte a custos de prototipación ou demo do produto ou servizo. Nesta categoría seleccionáronse catro propostas, unha do campus de Vigo e tres do de Ourense.
Por unha banda, Juan Mateo Núñez, estudante de Economía, impulsa NET, un portal de emprego enfocado ao mundo do tenis, o pickleball e o pádel. Supón un punto de encontro para adestradores que estean buscando emprego e xogadores profesionais que estean buscando club.
Outra das iniciativas seleccionadas é Tola Natural Energy Drinks, un proxecto impulsado por dúas estudantes de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ana Pérez e Paula Barciela, que propoñen a comercialización dunha bebida enerxética natural e galega que fusiona funcionalidade, innovación e sustentabilidade.
O terceiro proxecto é Krealt, proposta dun grupo de estudantes de Enxeñaría Informática (Luca Riego, Paulo Sánchez e Pablo Dorrío) que aposta pola implementación e dixitalización de tecnoloxías 3D e realidade virtual aplicada para a mellora da experiencia do usuario en procesos de compra en liña.
Finalmente, tamén entra nesta modalidade CertyChain, iniciativa xurdida na Escola de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e impulsada por Sara Chao, Alejandro Rial, Diego Stephan Jeandon e Manuel Mateo Delgado-Gambino, Trátase dunha aplicación web para a firma dixital de documentos, apoiada en Blockchain. Proporcionan un proceso de sinatura que se enfoca en protexer o contido do documento, ademais dos usuarios asinantes, para evitar alteracións en documentos e falsificacións de firma ou identidade.
Incuvi Consolida para unha academia de formación e perfeccionamento de fútbol
O nivel máis avanzado de incubación é o Consolida, para proxectos que desexen continuar coa maduración e desenvolvemento do proxecto emprendedor. Nesta edición, a quinta, o proxecto seleccionado é Tecnificat, impulsado por Juan Jose Rodríguez, graduado de ADE. Trátase dunha academia de formación e perfeccionamento de fútbol e transmisión de valores para mozos e mozas empregando a metodoloxía Coerver Coaching de Adidas. Tecnificat recibirá asesoramento e mentorizacion e unha achega económica máxima de 1000 € para facer fronte a custos derivados da consolidación do proxecto emprendedor.