A UVigo dá a benvida a 235 estudantes internacionais que se incorporan este cuadrimestre ás súas aulas

A Universidade de Vigo recibe esta semana ao alumnado estranxeiro de intercambio que, ao abeiro dalgún dos convenios e programas internacionais existentes, estudará este segundo cuadrimestre nos seus tres campus. En total trátase de 235 mozas e mozos, que se suman a 47 que continúan do primeiro cuadrimestre, e que traen ás aulas da UVigo a multiculturalidade. Para darlle a benvida, a Vicerreitoría de Internacionalización celebra en cada campus un acto no que este alumnado foráneo ten a oportunidade de coñecer de primeira man os servizos e actividades que lles ofrece a institución académica.

O primeiro destes actos tivo lugar este mércores no campus de Ourense e continuarán este xoves no de Pontevedra (na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte) e o venres en Vigo (Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais). Na benvida celebrada hoxe, María Pardal, técnica da Vicerreitoría de Internacionalización, salientou que os datos deste segundo cuadrimestre “están en liña cos do anterior”. Sobre o obxectivo destes ‘welcome days’ apuntou que é “ofrecerlle ao alumnado estranxeiro de intercambio unha xornada orientativa” na que recibe información xeral da Universidade, da asociación internacional de estudantes ESN e sobre cuestións técnicas relacionadas coa súa estadía. Igualmente subliñou que esta actividade permítelle a estes estudantes “coñecerse entre eles e entrar en contacto directo con servizos da Universidade”.

Os datos globais

Neste segundo cuadrimestre son 235 as e os estudantes que chegan á Universidade de Vigo: 172 teñen como destino o campus de Vigo (que se suman a 30 que continúan do primeiro cuadrimestre); 34 estarán no campus de Ourense (que se engaden a 7 que continúan do primeiro cuadrimestre) e 29 no campus de Pontevedra (que se suman a 10 do primeiro cuadrimestre).  

Coa chegada deste alumnado do segundo cuadrimestre complétase a radiografía do alumnado estranxeiro deste curso 2024/2025 na UVigo. A cifra total (sumando os do primeiro e segundo cuadrimestre e curso completo) ascende a 518 estudantes (297 alumnas, 220 alumnos e unha persoa non binaria). Deles e delas, 236 estiveron no primeiro cuadrimestre, 235 estarán neste segundo e 47 durante todo o ano. Por campus, o máis internacionalizado é o de Vigo, cun total de 393 estudantes neste curso académico, seguido de Ourense (un total de 71) e Pontevedra (54). Estes estudantes proceden de 42 países. Encabezan a lista de países de orixe Italia (95), Francia (59), Polonia (50), Alemaña (43), México (41), Turquía (29), Brasil (17), República Checa (16), Reino Unido (13), República de Corea e Portugal (11 cada un) e Colombia (10). Este alumnado chegou á Universidade de Vigo ao abeiro de diferentes iniciativas, como os programas Erasmus+ KA 131 (336) e Erasmus+ KA 171 (49); convenios bilateriais (112), ISEP (7), visitantes (3) e GE4 (1).

Os datos do campus de Ourense

Ao campus de Ourense chegan neste segundo cuadrimestre 34 estudantes. Por centros, encabeza os datos a Facultade de Ciencias (9 estudantes); seguida de Enxeñaría Informática (7); Relacións Internacionais (6); Ciencias Empresariais e Turismo (5); Dereito (3); Educación e Traballo Social (2) e Aeronáutica e Enfermaría (1 cada un). En total proceden de 14 países, destacando México (7), Francia (6), Turquía (5) e Italia (4) e completando a lista Grecia e Cabo Verde (2 cada un) e Lituania, Croacia, Rusia, República de Corea, Taiwán, Estados Unidos, Ecuador e Portugal (un cada un).

Entre este alumnado, no acto de benvida celebrado este mércores no campus de Ourense estiveron Diego Camarena e Iván Vivas, de México, dous amigos e estudantes da cidade de León, no centro do país iberoamericano. Eles incorpóranse ao último curso da Escola Superior de Enxeñaría Informática, sendo esta a súa primeira estancia en Europa. Á hora de ir estudar ao estranxeiro, comentou Diego Camarena, “interesábame máis que nada o intercambio cultural e escollín a Universidade de Vigo porque penso que me pode ofrecer moitas cousas para enriquecer a miña carreira”. A súa primeira impresión tanto do campus como da cidade é moi boa, destacando que “recibiunos xente moi amable” que lle fixeron “sentirme moi acollido”. Aínda que fai “moito frío”, engadiu Iván Vivas, “a cidade parece moi bonita” e a Escola Superior de Enxeñaría Informática “moito máis equipada e grande” que da que proceden, polo que os dous amigos amosaron as súas boas expectativas para a súa primeira «aventura europea». A súa primeira boa impresión tamén foi compartida por Chung-Chun, estudante de Taiwán que se incorpora á  Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo. Tamén por primeira vez en Europa, o alumno asiático subliñou como “a xente é moi agradable” e que lle impresionou a beleza da paisaxe ourensá nos seus primeiros paseos pola cidade e polo río Miño. “Creo que me vai a gustar estar aquí”, afirmou.

A este alumnado do segundo cuadrimestre únense os 7 estudantes que continúan do primeiro cuadrimestre. Tendo en conta que no primeiro cuadrimestre estiveron 30 alumnas e alumnos de intercambio, a cifra total de alumnado estranxeiro do campus de Ourense queda para este curso académico 2024/2025 en 71 persoas procedentes de 18 países. Neste cómputo global, o centro ourensán máis internacionalizado é a Facultade de Educación e Traballo Social (16), seguida de Ciencias (14), Ciencias Empresariais e Turismo (11), Enxeñaría Informática e Relacións Internacionais (9 cada centro), Dereito (6), Historia (4) e Enfermaría e Aeronáutica (1 cada un).