A UVigo actualiza o seu protocolo fronte ao acoso sexual garantindo de xeito máis eficaz os dereitos das persoas afectadas

Co apoio unánime do Consello de Goberno, a UVigo dispón desde hoxe dun novo Protocolo de prevención de acción fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, froito da actualización do que estivo en vigor durante os últimos once anos. Adaptado á evolución lexislativa e normativa rexistrada na última década e co obxectivo de garantir de xeito máis eficaz os dereitos das persoas afectadas, cun tratamento máis eficiente, transparente e respectuoso, tanto coas vítimas, como co conxunto da comunidade universitaria, o novo Protocolo axústase tamén á diferenciación de contidos entre as unidades de Igualdade e Diversidade, que proximamente tamén contará cun protocolo de seu.

Durante a sesión de Consello celebrada este luns déronse tamén importantes avances na planificación das titulacións para os vindeiros cursos. Dunha banda, aprobáronse dous novos mestrados propios para o curso 2025/2026 e, da outra, deuse luz verde ás novas propostas para o 2026/2027, incluíndo grao, máster e doutoramento. Do mesmo xeito, tamén se deu o visto e bo, entre outros puntos, a unha serie de modificacións da Normativa de Profesorado Substituto que permitirán que o proceso de contratación destas figuras sexa máis rápido e efectivo. Pola súa banda, no seu informe, o reitor confirmou a recente sinatura do convenio que permitirá á UVigo recibir máis de un millón de euros para bonificar as microcredenciais que a institución académica se comprometeu para desenvolver estas formacións de curta duración, que teñen como obxectivo a recualificación profesional de traballadores e traballadoras de entre 25 e 64 anos. O reitor, que lembrou que a UVigo está a manter reunións con diferentes axentes e entidades económicos e sociais do sur de Galicia, como confederacións de empresarios, Zona Franca de Vigo ou hospitais, reiterou que “as iniciativas teñen que partir de fóra da Universidade, dos empregadores, polo que tratamos de incentivar que nos pidan os cursos e que nos miren como o lugar onde facer esas formacións”. 

Noutra orde de cousas, Manuel Reigosa tamén confirmou a celebración dunha nova xuntanza das tres universidades coa Consellería en relación coa implantación na Universidad Intercontinental de la Empresa dun grao en Dereito, na que se volveu poñer de manifesto a necesidade dun procedemento para a implantación de titulacións nas universidades privadas “tan esixente como o das universidades públicas”. En relación coa recente sinatura do pacto por Enfermaría, Reigosa asegurou que para UVigo é un proceso, se cabe, “máis ilusionante, que mellorará moito a situación”, ao tempo que se agarda o visto e prace da Consellería ao convenio de desascrición e co horizonte do curso 26/27 para a incorporación das tres titulacións públicas. O reitor confirmou, así mesmo, que agarda, logo da visita de hai uns días do secretario xeral de Universidades a Ecobas, que se poda converter en centro Cigus, se a avaliación se fai dun xeito acaído. “Hai que mudar os criterios e a composición da comisión avaliadora”, dixo o reitor, que lembrou que na última ocasión estivera formada por integrantes dos ámbitos tecnolóxico e científico e non do de ciencias socias, que é o de traballo específico de Ecobas. 

Actualización do Protocolo fronte ao acoso sexual

As principais novidades que introduce o Protocolo de prevención de acción fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo aprobado hoxe polo Consello de Goberno céntranse na ampliación do ámbito espacial, incluíndo as situacións de acoso sexual e por razón de sexo producidas no ámbito dixital, “sempre que teñan lugar a través dos servizos dixitais ou telemáticos proporcionados pola Universidade de Vigo no desenvolvemento das súas actividades académicas ou profesionais”, detalla a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez. O novo Protocolo tamén introduce unha modificación relevante no ámbito temporal, establecendo que será de aplicación cando os feitos denunciados se produzan dentro dos tres anos anteriores, en lugar dos tres meses actuais, á presentación da denuncia ou da solicitude de intervención.

A mellora do procedemento de denuncia, que se poderá presentar de xeito verbal na Unidade de Igualdade ou por escrito a través do Rexistro da UVigo e tamén da Sede Electrónica e a introdución de cambios na composición da Comisión de Acoso Sexual e por Razón de Sexo (CAS), incorporando a representación da Secretaría Xeral, ademais dunha regulación do seu réxime de funcionamento, para garantir unha maior operatividade e transparencia no tratamento dos casos, son outras novidades que introduce o novo Protocolo, respecto do seu antecesor. Así mesmo, a ampliación do prazo de denuncia ata tres anos supón, segundo Yolanda Rodríguez, “un avance significativo na protección das vítimas de acoso sexual e por razón de sexo, xa que recoñece o impacto emocional e psicolóxico que estas situacións poden provocar. Moitas persoas afectadas precisan tempo para asumir o ocorrido, superar o medo ás represalias e recuperar a estabilidade necesaria para dar o paso de denunciar. Estender o prazo recoñece esta realidade e contribúe a evitar a revitimización de quen, por diversas razóns, non puido actuar de inmediato”.

Nos últimos 11 anos na Unidade de Igualdade da UVigo atendéronse unha trintena de situacións, que na súa meirande parte non desembocaron na activación do protocolo, motivo polo se considerou necesaria a súa actualización. “Tamén se detecta a falta de formación, xa que en ocasións, recibimos consultas de situacións que, aínda que poden resultar inadecuadas, non se corresponden con situacións de acoso sexual ou por razón de sexo e pertencen a outras tipoloxías. Polo tanto, consideramos que a actualización do protocolo de acoso sexual e por razón de sexo da Uvigo, supón un avance positivo para toda a comunidade universitaria, ao contribuír a unha mellor prevención, detección e resposta ante este tipo de situacións”, explica a directora da Unidade de Igualdade.

O novo Protocolo aprobado hoxe axústase á diferenciación de contidos entre as unidades de Igualdade e Diversidade, que proximamente, segundo confirmou o reitor, tamén contará cun protocolo de seu, que se prevé poida ser aprobado no vindeiro Consello de Goberno. 

Mestrados propios para o 2025/2026: Ciberintelixencia e Enfermaría en Urxencias 

Durante a sesión aprobouse tamén a posta en marcha de dous novos mestrados de formación permanente -complementarios á oferta oficial de másters da UVigo – para o vindeiro curso 2025/2026: Ciberintelixencia e ciberoperacións en sectores estratéxicos para a seguridade nacional e Enfermaría de práctica avanzada en urxencias e coidados intensivos.

Dirixido a formar a unha nova xeración de profesionais capaces de afrontar os desafíos do ciberespazo e garantir  a seguridade e defensa en sectores estratéxicos, o mestrado en Ciberespacio e ciberoperacións realizarase en colaboración coa multinacional española Indra, cuestión que o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, valorou como “moi importante” xa que amosa a confianza depositada por esta firma nunha cuestión tan estratéxica como a defensa e a seguridade nacional”.

 No caso do de Enfermaría de Práctica Avanzada en Urxencias e Coidados Intensivos  realizarase en colaboración co Hospital Ribera-Povisa “como unha especialización profesional da Enfermaría na atención integral do paciente nos servizos de urxencias e unidade de críticos”, apuntou o vicerreitor. En pleno proceso de creación dunha facultade propia, ata o de agora non se ofertaba ningún máster ou título semellante vinculado á enfermería, nin tampouco dedicado ás urxencias e coidados intensivos. Segundo a memoria aprobada, o novo título ofrecerase en versión modular, podendo facerse cada un dos módulos -Experto en urxencia, emerxencia e coidados intensivos e Experto en abordaxe do paciente crítico- de maneira independente ou de xeito simultáneo. 

Novos títulos nos tres campus para o curso 2026/2027

Xa de cara ao curso seguinte 2026/2027, o Consello de Goberno aprobou tamén a tramitación das novas propostas de títulos de grao, máster e doutoramento. No caso dos graos deuse luz verde ao Grao Enxeñaría de Tecnoloxías Navais para a Defensa, que se impartirá no Centro Universitario da Defensa -en substitución do actual Grao en Enxeñaría Mecánica-.

En canto aos mestrados, propuxéronse catro novos títulos: o Máster en xeomática avanzada e intelixencia xeoespacial, adscrito á Escola de Enxeñaría Forestal; o Máster en traballo social no ámbito sanitario, vinculado á Facultade de Educación e Traballo Social; o Máster en vehículos autónomos, adscrito á Escola de Enxeñería Industrial pero que terá tamén docencia na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, e o de Química teórica e modelización computacional,  adscrito á Facultade de Química, un mestrado interuniversitario que coordina a Universidade Autónoma de Madrid e que, tal e como explicou o vicerreitor,  “que xa se impartira pero que fora revogado por non cumprir o decreto da Xunta e que agora o volve a intentar”. 

Así mesmo, aprobouse tamén a modificación de 35 programas de doutoramento para adaptalos ao Real Decreto 576/2023, que recolle as novidades normativas contempladas na Lei Orgánica 2/2023 do Sistema Universitario.

Neste mesmo punto da orde do día aprobouse por asentimento a modificación substancial dos graos en Bioloxía, Economía e Relacións Internacionais, así como do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, se ben neste último caso houbo que realizar votación, saíndo adiante a modificación  con 28 votos a favor, dous en contra e dúas abstencións. A votación  tivo lugar despois dun debate no que, entre outros, interviñeron o profesor Xesús Laxe, do Departamento de Socioloxía, ciencia política e da administración e filosofía, que lamentou que o novo programa de estudos da titulación apostase “por deixar as materias da Área de Socioloxía fóra das materias de formación básica”, e a propia decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, quen puxo en valor unha decisión tomada pola Xunta de Facultade “que valoriza os contidos do ámbito da Publicidade e das Relacións Públicas e que especializa ao noso alumnado no ámbito da  da creación de contidos”.

Novo Regulamento de mestrados

Tamén da man do vicerreitor Alfonso Lago, deuse o visto e prace a un novo Regulamento de mestrados universitarios da Universidade de Vigo co que se actualiza a normativa existente ata o de agora ao RD 822/2021, establecendo as directrices xerais e as estruturas das ensinanzas, órganos responsables, procedementos para novas propostas, modificacións, supresións e extincións… “A idea é non só actualizar a normativa ao Real Decreto, senón tamén incluír nun único documento os procedementos que conlevan o desenvolvemento deste tipo de estudos”, explicou o vicerreitor.

A maiores destas cuestións aprobouse tamén unha modificación do modelo de convenio de colaboración entre as tres universidades públicas galegas para levar a cabo conxuntamente a organización e desenvolvemento das ensinanzas oficiais de programas de doutoramento. “Trátase simplemente de aspectos que melloran o anterior convenio e que non estaban recollidos”, salientou o vicerreitor.

Cambios na normativa de profesorado substituto para unha xestión máis rápida e efectiva

Nesta sesión do Consello abordáronse varios temas dependentes da Vicerreitoría de Profesorado e Ordenación Académica. Por unha banda, aprobouse unha serie de modificacións da Normativa de Profesorado Substituto que, segundo a vicerreitora Adela Sánchez Moreiras, axudarán a  “facer máis rápida e efectiva a contratación da persoa substituta e evitar que o alumnado poida perder clases”. O cambio máis significativo inserido nesta normativa refírese á xestión das listas. Ata agora, explicaba a vicerreitora, “cando se requiría un profesor ou profesora substituto, ofertábase ese contrato a todas as persoas da listaxe, estivesen xa contratadas ou non”, o que retrasaba o proceso e mesmo provocaba que uns docentes deixasen un contrato en vigor por outro novo. A partir de agora “as persoas que figuren nas listas de agarda e formalizasen un contrato consideraranse temporalmente suspendidas na lista e non se lles ofertarán novos contratos durante o curso correspondente, agás que o novo contrato que se oferte corresponda a contratos para o segundo semestre”. Así, se unha persoa solicitante está anotada en varias listas de agarda ao mesmo tempo, considerarase suspendida de todas elas mentres teña un contrato en vigor como profesor/a substituto da UVigo. Unha vez rematado o contrato, a persoa volverá ser activada en todas as listas.

Outra modificación importante, que segundo a vicerreitora axudará a axilizar o proceso, estipula que as persoas aspirantes, atendendo a unha situación transitoria debidamente xustificada que poida implicar o reiterado rexeitamento de ofertas, poderán instar á súa suspensión voluntaria temporal, que afectaría a todas as listas nas que estivese e que se levantará a pedimento de parte. As modificacións foron aprobadas por asentimento, co compromiso do Consello de Goberno de levar unha serie de achegas propostas polo profesor Ignacio Bajo á seguinte mesa de negociación para facer, entre todos, “unha normativa mellor”.

Por outra banda, tamén se aprobou a prórroga do Plan de Docencia en Galego para o curso 2025/2026. Segundo a vicerreitora, esta ampliación permitirá facer, durante os vindeiros meses, “unha avaliación polo miúdo do plan que estivo en marcha os últimos tres anos e propoñer melloras negociadas nun novo plan de recoñecemento da docencia en galego”. A este respecto, o profesor Miguel Cuevas demandou que o vindeiro plan sexa “máis integral, esixente e agarimoso” coa lingua galega.

Ademais, o Consello tamén aprobou a creación dunha praza de profesorado titular que se enmarca dentro do 15% da Oferta de Emprego Público do 2023. Neste caso a praza correspóndese co Departamento de Química Física e será para Lakshminarayana Polavarapu, investigador Ramón y Cajal que remata o seu contrato este mesmo mes de maio.

Finalmente, tamén se aprobaron as prórrogas de comisión de servizos de María Magdalena Cid Fernández, do Departamento de Química Orgánica, e Santiago Lago Peñas, de Economía Aplicada, ambos na USC.

Datas para as PAU de 2026

A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini foi a encargada de levar á sesión varios temas relacionados co acceso á Universidade. Por unha banda, aprobouse o acordo das universidades públicas do sistema universitario de Galicia sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao para o curso 2025/2026 e os parámetros de ponderación para a admisión no SUG no curso 2026/2027. Tamén se deu o visto bo á incorporación para o curso 2025/2026 dos parámetros de ponderación para a admisión e catro Programas de Simultaneidade de Estudos: Grao en Enxeñaría Agraria e o Grao en Ciencias Ambientais (UVigo), Grao en Enxeñaría Agraria e o Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (UVigo), Grao en Enxeñaría Informática e o Grao en Intelixencia Artificial (UVigo), e Grao en Enxeñaría Informática e o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (UDC). Na súa intervención, a vicerreitora tamén adiantou que xa están consensuadas coa consellería as datas de celebración das PAU do vindeiro curso, que se terán lugar na convocatoria ordinaria os días 2, 3 e 4 de xuño de 2026 e na extraordinaria o 30 de xuño e o 1 e 2 de xullo de 2026.

Para rematar a sesión, tamén se aprobou a saída da UVigo como membro institucional da Asociación de Universidades del Estado Español con Titulaciones Oficiales de Traducción e Interpretación (AUnETI). 

Na quenda de rogos e preguntas, entre outras intervencións, tomou a palabra a catedrática Coral del Río, en nome de Nós Universidade para demandar ao reitor a relación de cargos institucionais da UVigo, así como o custo que isto supón para a institución. Ante esta demanda Reigosa confirmou que trasladará a Nós Universidade a información solicitada, que en calquera caso, indicou, se pode consultar na web institucional, ademais de nun documento aprobado polo Consello de Goberno.