A USC sitúase décima do Estado e escala ata o posto 258 do mundo no ránking GreenMetric de sustentabilidade

O UI GreenMetric World University Ranking, a clasificación que recolle as institucións académicas máis destacadas no eido da sustentabilidade, volve situar a USC entre as 300 universidades máis sostibles do mundo de entre 1.477 analizadas. En concreto, a Universidade de Santiago de Compostela ascende ata o chanzo 258 e colócase no décimo posto a nivel estatal.

O UI GreenMetric World University Ranking baséase en 39 indicadores agrupados en seis criterios: infraestruturas (15% da valoración final), enerxía e cambio climático (21%), residuos (18%), auga (10%), transporte (18%) e educación e investigación (18%). A Universidade compostelá obtén a súa meirande puntuación no ámbito do uso da enerxía e da loita contra o cambio climático, seguido da xestión de residuos e da docencia e a investigación que realiza en materia de sustentabilidade.

Políticas respectuosas co medio ambiente 
A edición número 15 desta listaxe internacional abrangue 1.477 institucións procedentes de 95 países. O obxectivo desta clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, é reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e na procura dun mundo máis sostible.

Baixo esta premisa, o ránking GreenMetric é froito dunha enquisa en liña sobre as condicións e políticas actuais relacionadas cos esforzos de sustentabilidade e melloras institucionais nas universidades de todo o mundo. Deste xeito, preténdese poñer o foco académico e institucional sobre o cambio climático global, a enerxía limpa, a conservación da auga, a reciclaxe de residuos, o transporte ecolóxico e a educación e investigación sobre a sustentabilidade.