A directora do Centro de Linguas Modernas da USC, Katerina Vlasakova, e o profesor de Filoloxía Xosé Luís Regueira foron as persoas encargadas da revisión da primeira gramática de lingua galega en checo, que acaba de publicar a editorial da universidade Karlova Univerzita de Praga, Karolinum.
Bohumil Zavadil, profesor emérito da Facultade de Letras da Universidade Carolina, é o autor do volume co que o hispanista checo completa a súa serie de gramáticas das linguas de España contemporánea, publicadas sucesivamente por esa editorial universitaria (Gramática de español contemporáneo. Un enfoque lingüístico interpretativo, con Petr Čermák, 2010, Lingua vasca, Interpretación lingüística, 2010, e Gramática de catalán, 2020). Nesta, o profesor Zavadil realiza unha análise detallada do sistema lingüístico do galego desde unha perspectiva funcional-estrutural. A obra abrangue os planos fonolóxico, morfolóxico e sintáctico, ofrecendo unha explicación clara das regras e dos usos da lingua, ilustrados con numerosos exemplos extraídos, en moitos casos, de obras literarias galegas.
Para Katerina Vlasakova, “a publicación desta gramática representa unha excelente nova para a comunidade interesada na lingüística galega”. Ademais, engade, converterase nun “recurso fundamental” para lingüistas e estudantes checos e eslovacos -para os que o checo é unha lingua comprensible- que desexen aprender galego ou afondar no estudo das linguas románicas e. Ao tempo, “contribuirá a fortalecer os intercambios académicos e as estadías entre ambas as universidades, reforzando así os lazos culturais e científicos entre as USC e a UK e, máis alá, entre Galicia e a República Checa”, manifesta.