A USC restitúe simbolicamente a memoria rosaliana coa plantación dun érbedo no xardín de Fonseca

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro, a Cátedra Rosalía de Castro continuou coas súas accións para honrar a memoria rosaliana coa plantación dun érbedo no xardín de Fonseca, que alberga O xardín das pedras que falan, antigo plantío medicinal da Universidade compostelá.

A lenda oral que rodea Rosalía lle atribúe ao érbedo de Lestrobe un papel semellante ao carballo de Buchenwald para Goethe. «Era unha árbore na que ela gustaba de escribir -explica a co directora da Cátedra,  a profesora María do Cebreiro Rábade Villar-, e aínda estaba en pé a mediados dos anos cincuenta do pasado século, pois conservamos unha imaxe da escritora compostelá Concha Castroviejo subida nel (concretamente, no filme Peregrinaxe lírica polos lugares rosalianos, do ano 1951)». Porén, engade, «a árbore foi talada, polo que a plantación deste érbedo hoxe concíbese como un acto de restitución simbólica da memoria rosaliana, así como de ecoloxismo poético».

O acto, concibido en colaboración co Concello de Santiago, desenvolveuse coa participación da vicerreitora de Cultura, Pilar Murias, e da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. Interviron ademais a co directora da Cátedra institucional Rosalía de Castro, María do Cebreiro Rábade Villar; a directora da Biblioteca Xeral, Mª Isabel Casal Reyes; e o conservador do Museo de Historia Natural (MHN) da USC, Juan Manuel Cutrín. Entre as autoridades presentes estaba tamén a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística na Xunta de Galicia, María Coutinho.

Aproveitando a efeméride do libro, a vicerreitora fixo na súa intervención un paralelismo coas árbores, “que non só hai que plantar senón que teñen que prender”, e de aí “a importancia do traballo que realizan todas as institucións para que o recordo de Rosalía e a paixón pola lectura prenda”.

No mesmo senso, a alcaldesa destacou a defensa de Rosalía das árbores e as plantas –“seu é aquilo de “as plantas tamén falan”, lembrou- e enmarcou o acto de hoxe nunha reivindicación dos libros e da lectura tal e como fixo Rosalía “xuntando versos a ler con natureza que coidar”.

Pola súa banda, o conservador do MHN lembrou que o Museo da USC dispón de moitos fondos botánicos da época de Rosalía, “fondos que o museo pon a disposición para este tipo de proxectos divulgativos que axudan sen dúbida á súa posta en valor”.

Doazón do libro-herbario
Rematadas as intervencións, as persoas asistentes trasladáronse á Biblioteca América onde a co directora da Cátedra institucional Rosalía de Castro fixo entrega á Biblioteca Xeral da Universidade dun exemplar do libro-herbario Os ollos das árbores, froito dunha axuda Leonardo da Fundación BBVA, á BUSC, así como de dous exemplares do mesmo libro, con ilustracións botánicas dos artistas Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo, ao Museo de Historia Natural da Universidade.

Mabela Casal quixo agradecer á Cátedra que contase cos fondos da Biblioteca para apoiar e ilustrar a mostra que se alberga en Fonseca e “por ter a delicadeza de empregar un día tan sinalado como é o do libro para facer esta plantación e a doazón deste exemplar”.

As autoridades, posando co érbedo na memoria rosaliana. Foto: Santi Alvite
As autoridades, posando co érbedo na memoria rosaliana. Foto: Santi Alvite