A USC recoñecerá a participación do estudantado no Proxecto Nós

O Proxecto Nós, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia e desde 2023 financiado a través de fondos PERTE-Next Generation, está a levar a cabo unha recollida de datos de voz en galego a través da plataforma Common Voice. O propósito é dotármonos de recursos de tecnoloxía da fala en galego para garantir a comunicación con máquinas ou con outras persoas a través de máquinas, algo especialmente importante na era da Intelixencia Artificial.

O galego está entre as primeiras dez linguas en Common Voice en canto ao número de frases recollidas, principalmente grazas á achega dun gran volume de frases por parte do Proxecto Nós. Tras o lanzamento da fase inicial da campaña de recollida de voces hai xa case un ano, hoxe disponse de arredor de 300 horas de voces. Non obstante, o obxectivo está fixado en máis de 1.000 horas de gravación, para o que son preferibles as contribucións de usuarios que non fan achegas puntuais, senón constantes, tal e como sinalan os responsables do proxecto.

De aí que, coa fin de obter a maior cantidade de datos, se acordase o recoñecemento con créditos de libre configuración a aquel estudantado que participe tanto na recollida da súa propia voz como nas tarefas de verificación das mensaxes doutras persoas usuarias.

Os detalles desta proposta presentáronos este venres en San Xerome o reitor da USC, Antonio López, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, nun acto ao que tamén asistiron a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei, e a directora adxunta do CiTIUS, Paula López Martínez. Para o reitor, “trátase dun obxectivo ambicioso pero realista grazas á implicación do noso estudantado, un colectivo con falas diversas e por iso tamén necesarias para o proxecto, para así reflectir a realidade sociolingüística do noso país”. Neste senso, Valentín García incidía  en que “necesitamos milleiros de voces para estar presentes na rede en pé de igualdade coas grandes linguas do mundo”.

Requisitos 
Para participar, a persoa falante de galego debe entrar na plataforma a través de calquera dispositivo conectado á Internet (ordenador con micrófono e sistema de reprodución de son, teléfono móbil etc.), ler unha serie de frases proporcionadas e ademais escoitar e validar as frases gravadas por outras persoas. Para que o alumnado da USC poida equivaler a súa actividade cun crédito de libre configuración deberá colaborar con 25 horas de gravación de voz e de validación de fragmentos xa gravados.

O seguimento da actividade das persoas participantes faise a través do seu perfil de usuario/a e da clasificación que fai automaticamente a plataforma. Para a xustificación da súa contribución cara á obtención do crédito de libre configuración, o estudantado participante terá que optar por estar visible na clasificación e desta forma poderá tomar unha captura de pantalla que mostre o número de fragmentos cos que contribuíu a Common Voice, tanto gravados como validados.

Na rolda de prensa, de esquerda a dereita, Elisa Fernández, Antonio López, Valentín García e Paula López. Foto: Santi Alvite
Na rolda de prensa, de esquerda a dereita, Elisa Fernández, Antonio López, Valentín García e Paula López. Foto: Santi Alvite