A USC reafirma o seu compromiso coa igualdade no ámbito das ciencias

Lugo,
Santiago de Compostela

No Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que á súa vez se corresponde coa declaración de Beijing, a USC reafirma o seu compromiso coa igualdade no ámbito das ciencias, un compromiso que se manifesta de maneira transversal en cada unha das accións que leva a cabo.

Tal e como manifesta a CRUE, e que a USC fai seu, é imprescindible fortalecer as políticas que fomenten a participación das mulleres, facilitando o seu acceso á educación, a investigación e o liderado en todas as disciplinas.

Na liña da resolución da ONU, que insta implementar estratexias que impulsen a formación de mulleres e nenas en carreiras STEAM, é necesario promover os programas de mentoría, redes de apoio e proxectos innovadores que incentiven a súa participación en campos emerxentes, e nese camiño está a traballar a USC dende varios planos institucionais.

E nesa reafirmación da aposta por un futuro no que as mulleres e as nenas sexan tamén protagonistas do avance do coñecemento e a innovación, arredor do 11 de febreiro a USC organiza toda unha serie de programas e accións divulgativas para pór en valor o traballo das mulleres científicas da USC á vez que espertar vocacións entre as futuras xeracións.

Neste sentido, reúne nunha mesa redonda en Ciencias Políticas e Sociais seis mulleres que relatarán as súas propias experiencias na USC e reflexionarán sobre a situación actual e as perspectivas de futuro. Ademais, mentres que centros como a EPSE, o CiQUS ou o IGFAE abren as súas portas ás preuniversitarias para mostrar de maneira práctica o traballo que realizan as súas científicas, o iMATUS acolle unha sesión de debate sobre a divulgación científica con perspectiva de xénero. Tamén o CiTIUS conmemora este Día, presentando dúas plataformas en liña dedicadas a promover a visibilidade das mulleres no ámbito da ciencia e a tecnoloxía, así como a impulsar o acceso das nenas máis novas a ambos campos.

Xa con carácter máis atemporal, a ETSE dá comezo estes días ao Club de lectura Enxeñaría e Xénero e comezou tamén a iniciativa ‘Unha enxeñeira ou unha científica en cada cole’, con obradoiros dirixidos ao alumnado de primaria e material en liña compartido con 220 centros de educación primaria galegos.