A USC facilítalle ao estudantado a toma de decisións sobre o seu futuro académico

Xusto ao día seguinte de coñecerse as notas das Probas de Acceso á Universidade, a USC bríndalle ao estudantado preuniversitario a oportunidade de coñecer in situ as súas escolas e facultades e os estudos que albergan e así ter un maior coñecemento de cara á preinscrición no grao, probablemente unha das decisións máis transcendentais das súas vidas.

Esta iniciativa da USC, organizada por segundo ano consecutivo por A Ponte, diríxese á mocidade de segundo curso de Bacharelato e ciclos superiores de Formación Profesional e cada vez ten mellor acollida. A pretensión é que os rapaces e rapazas poidan ter información de primeira man dos estudos que quere cursar tanto en Lugo como en Santiago e poida solucionar cantas dúbidas teña co persoal e profesorado con quen interactúan de maneira que a súa escolla nas vindeiras semanas, de non a ter xa decidida, sexa a máis atinada para elas e eles.  

As e os centos de estudantes que estes días visitan os campus co programa ‘Coñece a USC’, na compaña das súas familias en moitos do casos, tiveron que decidir hai unhas semanas que centros querían coñecer, e a elección foi bastante equilibrada entre todos os estudos, se ben tiveron unha maior demanda os de Matemáticas, Bioloxía e Educación.