A USC enche de coñecemento e experiencias o Compos(tech)la de Santiago en Vivo

A Alameda de Santiago será esta fin de semana o escenario de Compos(tech)la, un dos múltiples eventos do proxecto Santiago en Vivo para fortalecer o tecido empresarial e dinamizar a economía. A feira tecnolóxica contará co protagonismo da Universidade de Santiago, que levará durante o sábado e o domingo ao parque compostelán algúns dos seus centros de investigación e servizos.

Así, xa dende o sábado ás 10.00 horas, quen discorra pola Alameda poderá asistir á demostración dunha tecnoloxía innovadora realizada no CRETUS que emprega bacterias para transformar aceite usado en bioplásticos, vivir distintas experiencias inmersivas e visuais da man do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) ou coñecer liñas de traballo do CiTIUS sobre Intelixencia Artificial ou realidade virtual.

Os servizos universitarios terán tamén un oco nesta feira tecnolóxica, de xeito que a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento levará exemplos concretos de como o coñecemento xerado na universidade pode transformarse en solucións reais para a sociedade e a Oficina de Información Universitaria (OIU) ofrecerá a quen se achegue orientación e asesoramento sobre a organización, funcionamento e servizos da universidade. Tamén o Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) ofrecerá información sobre a súa variada actividade como mostra do compromiso da USC coa equidade, a solidariedade e a transformación social desde as aulas.

Por último, a Asociación ALUMNI USC visibilizará a comunidade de antigas e antigos estudantes da USC e o seu impacto na sociedade.