Un equipo de investigación da USC está desenvolvendo un innovador proxecto para optimizar a tecnoloxía de edición xenética CRISPR/Cas9 e mellorar a resistencia a enfermidades en especies de acuicultura como a robaliza, a dourada, o rodaballo e o linguado. Para contribuír ao seu desenvolvemento, a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acordou colaborar coa Universidade de Santiago cunha achega económica de 25.000 euros para sufragar a dotación de persoal investigador durante un ano.
O obxectivo principal é superar as limitacións actuais na transferencia da maquinaria xenética (Cas9 e ARN guía) ao interior celular, o que resulta clave para aumentar a eficiencia do proceso e minimizar problemas como o mosaicismo xenético. Para iso, o proxecto estuda métodos avanzados de transporte xenético como a electroporación e nanopartículas lipídicas (LNPs) e emprega técnicas de vangarda como a microscopía de fluorescencia e a espectroscopia de correlación de fluorescencia (FCS).
A iniciativa, que combina estudos en cultivos celulares con ferramentas de análise xenética, busca sentar as bases para aplicacións sostibles en acuicultura, incrementando a produtividade, reducindo perdas por enfermidades e diversificando as especies aptas para cultivo. “Este proxecto non só representa un avance para a industria acuícola, senón que tamén sitúa Galicia como un referente na investigación en biotecnoloxía aplicada ao sector mariño”, afirma o investigador posdoutoral Álvaro Jesús Arana Díaz, líder do proxecto co apoio das investigadoras Laura Elena Sánchez Piñón e Mercedes Novo Rodríguez.
O proxecto nace dunha colaboración entre os grupos BioPhysChem e ACUIGEN do Campus Terra da USC no Programa de Ciencias Mariñas, financiado cos fondos Next Generation, coa fin de optimizar os métodos de introdución de material xenético nas células. Os investigadores perseguen melloras na produción sostible e saúde animal utilizando nanopartículas como vehículos de transporte e combinando técnicas de edición xenética con microscopía de fluorescencia. En definitiva, trátase de conseguir un impacto directo na mellora da saúde animal na acuicultura, un sector clave para a economía galega.
A investigación conta ademais co interese da empresa DIVERSA, unha spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que desenvolveu unha tecnoloxía de transporte e introdución de material xenético no interior celular e que será avaliada no propio proxecto.