A USC e a CEG acordan ofrecer vantaxes ás empresas nas medicións de gas radon nos postos de traballo

Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) asinaron un acordo co obxecto de ofrecer vantaxes ás empresas e organizacións asociadas nas medicións de gas radon, a través do Laboratorio de Radon de Galicia, unha organización de referencia internacional que ademais foi o segundo laboratorio acreditado pola técnica de trazas e o primeiro en España para a medición de radon en continuo.

O reitor da USC, Antonio López, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, asinaron o documento que senta as bases da colaboración entre a USC e a CEG para a medición de radon interior nos postos de traballo situados nas empresas localizadas en Galicia interesadas e/ou obrigadas en coñecer a exposición a ese gas das persoas traballadoras e, de ser o caso, tomar as medidas oportunas.

De acordo coa normativa reguladora (Real Decreto de Radiacións Ionizantes, código técnico da edificación, instrucións IS-33 e IS-47 do Consello de Seguridade Nuclear), as empresas que teñan postos de traballo en soto ou planta baixa nos municipios de actuación prioritaria apuntados no Código técnico da edificación teñen que realizar medicións de gas radon e adoptar as medidas oportunas nos supostos de superar o limiar establecido no artigo 72.a) do Regulamento de radiacións ionizantes (300 Bq/m3, en termos da media anual de concentración de radon en aire). 

O Laboratorio
O Laboratorio de Radon de Galicia, creado en 2005 e coordinado actualmente polo catedrático Alberto Ruano Raviña, está vinculado ao Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). É quen mantén o Mapa de Radon de Galicia na súa páxina web (www.radon.gal), que inclúe máis de 6.000 medicións deste gas en vivendas galegas.

Está rexistrado como Laboratorio de Ensaio no rexistro RELAGA, do Instituto Galego da Vivenda e Solo; polo tanto, cumpre todos os requirimentos legais para medir radon tanto en vivendas como en lugares de traballo. De feito, o Laboratorio fixo xa miles de medicións no sector empresarial de Galicia nos últimos anos, incluíndo pequena, mediana e gran empresa, en coordinación cos seus respectivos servizos de prevención de riscos laborais ou Mutuas. 
 

Asinaron o convenio o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites. Foto: Santi Alvite
Asinaron o convenio o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites. Foto: Santi Alvite

Ao acto de sinatura asistiu tamén o director e persoal investigador do Laboratorio. Foto. Santi Alvite
Ao acto de sinatura asistiu tamén o director e persoal investigador do Laboratorio. Foto. Santi Alvite