Pór en valor o traballo a prol do idioma da comunidade universitaria foi un dos propósitos centrais do acto institucional co que á Universidade de Vigo se sumaba este xoves a conmemoración do Día das Letras Galegas. A Facultade de Comunicación foi sede dun evento no que a implicación deste centro co idioma foi recoñecida co distintivo de galeguización Gal Ego, ao tempo que se puña en valor a capacidade creativa da comunidade universitaria coa entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución 2025. Do mesmo xeito, este acto serviu tamén para enxalzar o papel das cantareiras na preservación do patrimonio oral, a través da conversa entre o músico e compositor Xabier Díaz e a creadora de contido e egresada da facultade Nuria Grandío.
“Estamos celebrando o que somos e o que queremos ser”, salientou o reitor, Manuel Reigosa, na apertura deste acto organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística (ANL) e a facultade. Nel, reivindicou o papel da Universidade como “un faro que permita incrementar o uso do galego”, para incidir logo en que “non creo que haxa ningunha sociedade no mundo que renuncie a súa identidade”. O galego, lembrou Reigosa, é xunto á internacionalización e á igualdade un dos piares da UVigo, recollidos no seu plan estratéxico, o que levouno a subliñar o “forte compromiso” da institución porque “na Universidade se fale continuamente en galego”. Nese senso, Reigosa defendeu que, a pesar de que “estamos moi lonxe” a día de hoxe, “imos ser quen de recuperar o galego”.
Este acto institucional contou tamén coa intervención do secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen, ao igual que Reigosa, puxo en valor o legado que supón a tradición oral, para logo incidir en que Galicia ten na súa lingua e na súa cultura “unha fortaleza” e sinlar que “o plurilingüísimo é un sinal de madureza cultural”. Conducida pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, está conmemoración contou coa asistencia da xerenta da Universidade, Yolanda Lesmes; da secretaria xeral, María José Bravo; e das vicerreitoras de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez; e do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; así como do deputado provincial Jorge Cubela e do subdelegado de Defensa, Miguel Constantino Cortés.
Premios que amosan un compromiso co idioma
Ademais de sede, a Facultade de Comunicación foi tamén unha das galardoadas neste acto, no que se lle fixo entrega do distintivo de galeguización Gal Ego, co que a UVigo recoñece o emprego do galego en diferentes facultades escolas. Para a súa concesión, a comisión avaliadora tivo en conta unha serie de criterios, como o número de materias impartidas neste idioma, o número de traballos de fin de grao e mestrado realizados en galego, as actividades desenvolvidas nesta lingua e o seu uso na comunicación interna e externa. Trátase dun selo propio cunha vixencia de catro anos, ao que se suma unha axuda económica de 3000 euros co que pór en marcha iniciativas a prol da lingua, que na súa segunda edición distingue o labor deste centro do campus pontevedrés. A súa decana, Emma Torres, puxo de relevo o “claro compromiso coa lingua e a cultura galega” dunha facultade na que “estamos formando creadores de contidos”, ao tempo que puxo en valor o impulso por parte da Universidade dun recoñecemento que supón “un pulo” para continuar traballando “pola nosa identidade”, nuns tempos, recoñeceu, “complicados” para o idioma.
Previamente, fíxose entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade, impulsados ao abeiro dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dotados, no seu conxunto, con 3600 euros. O director da ANL, Benigno Fernández Salgado, foi o encargado de dar lectura á acta do xurado, presidido polo profesor Anxo Angueira, que decidiu o nome das gañadoras nas diferentes categorías dun certame ao que se presentaron neste 2025 un total de 29 traballos.
Na categoría de poesía o premio foi a Traes fendas nos meus figos, da investigadora predoutoral do CINBIO Elena Pazos, así como outorgar dous accésit a Susana Oliveira, por Primeiro brote, e Andrés Rivas, por Canto. Na modalidade de relato curto, a galardoada foi a xa gañadora na pasada edición Alba Guzmán, estudante da Escola de Enxeñería Industrial, por Pagar a morte, mentres que os accésit foron para Niobe Alonso e Sabela Morais, por A tarabela diexética (i) e Diario dun futuro presente, respectivamente. Finalmente, a investigadora do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación Sonia Cimadevila foi galardoada pola súa tradución do discurso de aceptación de Marie Curie do Premio Nobel de Química.
Reivindicando a tradición oral
Completado polas actuacións do grupo de pandeireteiras As Sarandilleiras e do Grupo de Música Tradicional do campus, este acto buscaba tanto pór en valor “as accións a prol de idioma” que se desenvolven na Universidade como pór o foco nas cantareiras, homenaxeadas neste 2025, nun Día das Letras Galegas que “recoñece a relevancia da oralidade e o seu papel na preservación da cultura popular”, como salientou Rebordera. Por o foco este “patrimonio tan vasto” foi o propósito da entrevista que Grandío realizou a Xabier Díaz, do que destacou a súa “faceta de investigación da nosa música”. Nesta conversa, o músico e compositor reivindicou o “patrimonio extraordinario” que supuñan as cantareiras, ao tempo que defendeu o galego como “unha ferramenta marabillosa, que nos fai diferentes no mundo e ábrenos mil portas”.
Promovendo o galego nas redes
Ese compromiso da comunidade universitaria coa promoción do galego viuse reflectido tamén coa presentación dunha serie de campañas para redes sociais, elaboradas polo alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, como traballos para unha materia impartida por Xosé Baamonde. Inserida na iniciativa ‘Comunica en galego’, Reboreda e Grandío presentaron neste acto algúns dos contidos elaborados para os 24 perfís en redes sociais impulsado ao abeiro desta iniciativa, que buscan dar visibilidade a diversos sectores económicos e culturais do país. Concretamente, estas campañas centráronse dar a coñecer música, medios de comunicación, creadores de contidos, produtos audiovisuais e literatura en galego, así como á divulgación tanto de marcas que fan uso do idioma na súa etiquetaxe ou publicidade e o patrimonio histórico e natural de Galicia.